A iniciativa ‘Cousa de Raíces’ propón seis medidas urxentes “para poñer couto o eucalipto”
Moratoria para para novos plantíos de Eucaliptus, prohibición do Eucaliptus nitens ou gravar esta especie cun imposto, entre as actuacións propostas.
‘Cousa de Raíces’, da que fan parte diferentes asociacións e colectivos, vén de propoñer seis medidas “urxentes” a adoptar para poñer fin á proliferación do eucalipto. A especie cobre xa case o 17% de todo o territorio galego, denuncian, unha situación que non se dá en ningún outro país europeo. “Medio millón de hectáreas xa é de abondo”, inciden nun comunicado. Entre as accións propostas está unha moratoria para novos plantíos de Eucaliptus, a prohibición do Eucaliptus nitens e o freo aos cultivos enerxéticos no novo Plano Forestal.
Outras medidas son a do cumprimento estrito da lexislación para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese ou o establecemento dunha fiscalidade “verde” para o eucalipto: “o aproveitamento do eucalipto debería estar gravado cun imposto que contribuira a reverter os danos que provoca no medio e as perdas económicas que este modelo causa á sociedade”..
A sexta medida é a da promoción dos aproveitamentos sustentábeis e da conservación dos bosques naturais: “ Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación”.