A industria papeleira portuguesa arrendará terreos en Galiza para plantar eucalipto

[Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos

A inicios de ano entrou en vigor en Portugal a lei que limita a plantación desta especie. Agora unha compañía lusa prepara a súa aterraxe na Galiza. Un novo episodio na eucaliptización do país.

A inicios de 2017 o goberno portugués anunciaba a súa intención de activar unha lexislación para fixar unha moratoria para o eucalipto, especie que ocupa 26% da superficie forestal portuguesa. Na actualidade hai 811.000 hectáreas plantadas con esta especie no país veciño, 100.000 máis que hai dúas décadas.

 

En febreiro deste ano, 2018, entraba en vigor a lei coa que o goberno de António Costa quer frear o eucalipto. A industria papeleira e pasteira, ligada ao eucalipto, procurou alternativas a este novo escenario. E unha delas atópaa en Galiza, país onde o eucalipto ocupa por volta de 290.000 hectáreas da superficie arborada.

 

Segundo a noticia publicada no Faro de Vigo e asinada por Lara Graña, a papeleira lusa The Navigator Company (antiga Portucel) arrendará predios en Galiza para estabelecer as súas propias plantacións de eucaliptos.

 

A firma procuraría “crear unha base forestal en Galiza” en base a terreos privados sen explotar máis xa poboadas con eucaliptos. “A actividade de The Navigator Company en Galiza contribuirá á recuperación de áreas de eucalipto”, indica a compañía.