Unha “incidencia loxística” en Pfizer adía un día a chegada do lote de vacinas a Galiza

Dose da vacina de Pfizer (Foto: Moncloa)

Sergas reprograma para o día 30 a vacinación en toda Galiza tras o atraso da segunda remesa de Pfizer.

Pfizer España informou que atrasa á terza feira 29 de decembro a entrega de vacinas ao Estado español previstas para hoxe debido a unha "incidencia loxística" na fábrica de  Puurs (Bélxica) que xa foi solucionada.

A compañía comunicou ao Ministerio de Sanidade que se pospón un día a entrega da remesa de vacinas comprometidas por un "atraso dos envíos" desde a súa fábrica de  Puurs (Bélxica) a oito países europeos, incluído o Estado español, "debido a un problema no proceso de carga e envío".

A farmacéutica aclarou que "a situación xa está resolta", aínda que "a próxima entrega de vacinas atrasarase unhas horas e chegará ao Estado español o 29 de decembro para a continuación da vacinación en todo o territorio nacional".

Sanidade tiña previsto enviar a partir de hoxe, en total, unha media de 350.000 dose ás comunidades autónomas cunha periodicidade semanal. Galiza tería que recibir hoxe, segundo as previsións por lde 18.000.

Nas próximas doce semanas, o Estado español recibirá 4.591.275 dose desta vacina de  Pfizer coas que se conseguirá inmunizar a 2.295.638 persoas, co que se cubriría a primeira etapa da Estratexia de vacinación contra o Covid-19.