A incidencia da Covid aumenta cun impacto limitado nos hospitais da Galiza

Varias persoas nunha terraza ao aire libre (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Sergas notifica máis de 800 novos contaxios e cinco novos ingresos fóra das unidades de críticos.

Os casos activos seguen á alza na Galiza. Hai 9.564 con Covid, 536 máis que a xornada anterior e 3.591 máis que hai xusto unha semana, despois de anotar 811 novos contaxios, 143 máis que o día anterior.

Pola súa banda, os pacientes hospitalizados aumentan a 251, cinco máis, que se recuperan fóra das unidades de coidados intensivos.

Presión hospitalaria

Segundo os últimos datos publicados pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, o número de persoas ingresadas en áreas de críticos non muda. As UCI non experimentaron cambios nas últimas catro xornadas e manteñen 35 doentes ingresados por Covid.

Noutras unidades, os pacientes cunha PCR positiva aumentaron até os 216. Así, a presión hospitalaria descende lixeiramente na maioría das áreas sanitarias, con excepción de Vigo, onde aumenta pasando de 64 hospitalizados a 75. Tamén o fan, pero en menor medida, na de Santiago, que pasa de 13 a 14, e na de Lugo, que sobe de 12 a 14.

A Coruña contabiliza 25 hospitalizados, un menos, Ferrol baixa de 19 a 16, Ourense pasa de 73 a 69 hospitalizados e Pontevedra, de 39 a 38.

O efecto das vacinas contén a gravidade das infeccións e apréciase na presión hospitalaria, que malia subir de forma practicamente continuada desde o inicio da sexta vaga, non responde ao incremento de casos coa mesma forza que o fixo noutros momentos da pandemia cunha incidencia similar.

Contaxios e falecementos

As áreas sanitarias de Vigo e Ourense reúnen máis da metade das infeccións activas polo coronavirus. Son, tamén, as que máis novos contaxios volveron sumar nas últimas horas. Dos 811 novos positivos notificados polo Sergas, 107 máis que hai unha semana, Vigo anotou 237; Ourense, 214; A Coruña; 129; Pontevedra, 125; Lugo, 40; Santiago, 38, e Ferrol, 28.

A taxa de positividade mantense por riba de 10%a sete días e a razón de taxas por riba de un. A incidencia da pandemia sitúase segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade na contorna dos 330 e 194 casos por 100.000 habitantes a 14 e sete días.

En canto ao número de persoas falecidas con coronavirus desde o inicio da pandemia, Sanidade eleva a cifra a 2.690 tras notificar ocho víctimas entre os días 3 e 7 de decembro.