Os incendios queimaron 34% da Rede Natura e 31% dos parques naturais na última década
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) de 2026 vén de ser sometido ao escrutinio do Consello Forestal, paso previo á súa aprobación definitiva polo Goberno galego. O Plan centrou as críticas de diversos sectores, como a representación do persoal que traballa na loita contra os incendios, as organizacións ecoloxistas ou as comunidades de montes veciñais. Entre as críticas, a necesidade dunha maior protección do territorio e de espazos de especial valor natural.
O documento sometido a debate no órgano consultivo da Xunta da Galiza en materia forestal rexistra como nos últimos dez anos (2016-2025) ardeu un terzo dos espazos de especial valor natural da Galiza, protexidos por figuras como a Rede Natura ou o Parque Natural: 176.745 hectáreas queimadas dun total de case 525.000, o que supón 33,6% da superficie total arrasada. No total da década resultaron afectadas 119.930,68 hectáreas de espazos protexidos estabelecidos como ZEC (Zona de Especial Conservación) e 41.200,77 hectáreas de ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), ambas as dúas pertencentes á Rede Natura 2000, "o que supón practicamente entre 32% e 40% da superficie total de cada territorio [protexido], respectivamente", recoñece o Pladiga. A Rede Natura, que en conxunto abrangue en toda Galiza 475.737 hectáreas, veu afectadas polas chamas neste período 161.131 hectáreas, o que representa 34% da súa superficie.
Respecto ao resto de espazos protexidos, destacan pola súa afectación os parques naturais. Nestes espazos tiveron lugar un total de 188 incendios neses 10 anos, unha media de case 19 cada ano, e resultaron queimadas un total de 15.615,32 hectáreas, o que supón 31,81% da súa superficie total. O Parque Natural máis castigado é o da Baixa Limia -Serra do Xurés, con 166 fogos neste tempo e 11.751,39 hectáreas ardidas.
O ano pasado, 2025, foi un ano negro en incendios para Galiza, tamén no que atinxe aos espazos protexidos. Os datos solicitados pola asociación ecoloxista Adega ao sistema europeo Copernicus-EFFIS cifraron en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que representaba 26% de todo o ardido entre xaneiro e setembro de 2025 e 11% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Hai que ir até 2011 para atopar un ano no que superficie queimada en espazos protexidos —perto de 11.000 hectáreas— se achegue, aínda que a distancia, a esa cifra. Copernicus sinala que en apenas unha semana de agosto ardeu 56,8% do Bidueiral de Montederramo; 52,4% do Macizo Central; 20,3% de Pena Trevinca, ou como a ZEC Os Ancares-O Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimarse 5.389 hectáreas.
"Os espazos naturais protexidos arden cunha frecuencia 2,2 veces maior que o resto", sinala a Nós Diario Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega. "Son espazos especialmente afectados polos incendios e levamos anos reclamando da Xunta que aprobe medidas específicas para eles, sen éxito", afirma Rodríguez, que indica que a Xunta "nin sequera" elabora un "mapa de riscos, como estabelece a lei, sobre a afectación dos incendios a especies, hábitats ou recursos hídricos". Serafín González, científico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), afirma a Nós Diario que espazos como a Rede Natura ou os parques naturais "deberían, loxicamente, ter un maior coidado e protección polo seu gran valor ambiental". González lamenta que a Xunta da Galiza "non aposte nestes espazos", e lembra que a Galiza está á cola, por exemplo, en Rede Natura a nivel estatal: só 13% da superficie terrestre do país estás baixo esta figura fronte ao 27% de media no Estado.
A Comisión Europea confirmaba en decembro pasado á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que a Xunta da Galiza non garantía unha protección axeitada da Rede Natura 2000, un dos elementos que motivan o procedemento de infracción aberto contra o Estado español polo incumprimento da Directiva de Hábitats. A resposta remitida a Miranda criticaba que o Goberno galego se limitase en 2014 a aprobar un plan director xenérico, sen estabelecer para cada espazo un plan de conservación específico, como marca a normativa comunitaria.
Falta de efectivos
A Xunta rexeita incrementar este ano o seu persoal propio contraincendios malia aumentar nos últimos exercicios a virulencia dos fogos. Esta é unha das denuncias a respecto do Pladiga que poñen sobre a mesa os sindicatos. Tanto a CIG como CCOO coinciden en criticar que parte do operativo continúe externalizado en empresas privadas —medios aéreos— ou a escaseza do persoal.
O Pladiga non incorpora ningunha praza nova de persoal propio da Xunta para a extinción no Servizo de Prevención de Incendios Forestais, denuncia a CIG: "Mantén exactamente os mesmos efectivos que en 2025, 276 brigadas de terra e 12 brigadas helitransportadas. Nin máis persoal técnico, nin bombeiro, nin emisorista-vixiante, nin axentes de investigación ou directores técnicos de extinción".
35 parroquias, na lista de alta actividade incenciaria
O Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Galiza (Pladiga) para 2026 incrementa o número de parroquias de alta actividade incendiaria (AAI), ao pasar de 26 en 2025 a 35 este ano. As parroquias de alta actividade incendiaria son aquelas incluídas en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles. Na listaxe das 300 parroquias con AAI o posto principal ocúpao A Granxa, no concello de Oímbra (comarca de Verín), onde nos últimos anos a superficie queimada polos incendios suma 22.499 hectáreas.
Séguea Requeixo, en Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), con case 7.000 hectáreas ardidas, e Casaio (Carballeda de Valdeorras), con 6.961 hectáreas. A Consellaría do Medio Rural, nos seus obxectivos contra os incendios para este ano, eleva no Pladiga a máis de 29.000 hectáreas queimadas o límite para 2026, un teito de superficie queimada moi superior ao que estabelecera o ano pasado tras un 2025 marcado polos grandes lumes e que fora de 18.554 hectáreas —arderon máis de 110.000 en total ao longo de todo o exercicio—.