Alerta por proximidade do fogo ás casas en varios núcleos do Irixo, Boborás e O Carballiño

Un hidroavión (Imaxe: César Arxina / Europa Press)

A comarca de Monterrei volve verse afectada polos incendios forestais. Pasadas as 00 horas da cuarta feira rexistrábase un fogo en Laza, nunha zona de difícil acceso. E horas despois, comezaba o de Chandrexa de Queixa. Ambos os dous uníronse na tarde da cuarta feira e entraron no parque do Invernadoiro.

Son 740 as hectáreas de superficie queimada tras se declarar o incendio de Laza, segundo as informacións da Consellaría do Medio Rural. Na zona traballan catro axentes, sete brigadas, catro motobombas e unha pa, segundo a Xunta.

A situación complicouse ao se xuntaren o incendio de Laza e mais o de Chandrexa e o fogo chegou xa aos montes da Edreira, unha zona de alto valor paisaxístico e ecolóxico, no marco do parque do Invernadoiro, xa afectado anteriormente polos incendios.

Debido á proximidade do lume ao núcleo das Taboazas, en Chandrexa, a Xunta solicitou a instauración da situación 2 de alerta. Este incendio de Chandrexa leva calcinadas de momento 200 hectáreas segundo Medio Rural. Traballan no fogo catro axentes, 5 brigadas, 4 motobombas, 6 avións e 3 helicópteros.

Por outra parte, a Xunta activou a Situación 2, de perigo por proximidade do lume a vivendas, en todo o distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro, debido á proximidade do lume a varios núcleos de poboación nos municipios de Boborás, O Irixo e O Carballiño. Segundo relata a Europa Press a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, os veciños "están a confinarse nas súas vivendas" debido á proximidade do lume. Sinala que estes incendios foron provocados polo paso dun tren, que deixan focos en: Fondo de Vila, Eixán, Cibreiro, Rodas, Xuvencos, Xurenzás e Ventosa.

Lamenta que a situación está "descontrolada" con perigo para os núcleos habitados. De feito, a través das súas redes sociais, a alcaldesa recomendou aos veciños: "Poñede coches en posición de saída. Regade a contorna de vivendas e, sobre todo, protexervos". Segundo a información de Medio Rural, o lume de Boborás, iniciouse na parroquia de Astureses ás 17,30 horas e está activo.

No Carballiño, hai un lume activo na parroquia de Longoseiros. Iniciouse ás 15,51 horas. Traballan dous avións, tres brigadas e unha motobomba.

Circulación ferroviaria interrompida

Por outra parte, a circulación por tren entre O Irixo e Lalín foi interrompida na tarde da cuarta feira debido a varios focos de lume próximos á infraestrutura.

Os trens afectados son os que percorrer o camiño de ferro de ancho convencional que separa Ourense de Compostela. As persoas viaxeiras están a ser transportadas en autobús.