Oito incendios activos en diferentes puntos do país arrasan máis de 400 hectáreas nas últimas horas

O lume de Melón foi estabilizado na tarde desta quinta feira. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os perto de 6.000 raios que caeron sobre a Galiza desde a tarde da quinta feira orixinaron estes lumes, aseguran desde a Consellaría do Medio Rural.

Os raios rexistrados a consecuencia das tormentas que marcaron a tarde da quinta feira na Galiza provocaron oito incendios forestais, que afectan unha superficie total dunhas 433 hectáreas en diferentes puntos do país.

En concreto, segundo a última información facilitada pola Consellaría do Medio Rural, desde as 20.25 horas da quinta permanece activo un incendio forestal na parroquia de Vilamor, en Folgoso do Courel, que queimou perto de 92 hectáreas.

As chamas xa afectaron máis dun cento de hectáreas en Folgoso do Courel

Neste mesmo concello está activo outro lume, concretamente na parroquia de Seceda, que se iniciou ás 1.40 horas da madrugada e que, segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 30 hectáreas.

Aliás, continúa activo desde as 20.29 horas da quinta un incendio na parroquia de Outeiro, no municipio de Quiroga, cunha superficie calcinada dunhas 60 hectáreas.

Tamén está activo desde as 22.09 horas un lume que arrasou 184 hectáreas e que se orixinou na parroquia de Riodolas, en Carballeda de Valdeorras.

Ás 20.37 horas rexistrouse outro lume na parroquia de Saa, na Pobra do Brollón, que arrasou unha vintena de hectáreas. Por outra parte, en Baiona está activo desde as 00.39 horas outro que afecta unhas 27 hectáreas da parroquia de Baredo.

Desde as 3.45 horas da madrugada, aliás, estabilizouse un incendio na parroquia da Xironda, en Cualedro, que se iniciou ás 19.03 horas e que queimou 30 hectáreas.

E hai escasos momentos declarouse un novo foco en Pradoalbar (Vilariño de Conso), dentro do parque natural do Invernadoiro, que xa queimou arredor de dez hectáreas.

Desde Medio Rural detallaron que todos estes lumes foron orixinados polos raios —perto de 6.000, segundo Meteogalicia—, dadas as tormentas rexistradas durante a pasada xornada na meirande parte do país.

Estabilizados os focos de Melón e Ribadavia

Noutra orde, está estabilizado desde as 14.29 horas o lume rexistrado na parroquia de Quins, en Melón, que se iniciou ás 22.38 horas da terza feira e que arrasou 50 hectáreas.

E tamén permanece estabilizado o incendio que comezou na segunda feira, contra as 22.11 horas, na parroquia de Ribadavia, no municipio homónimo, e que afectou unhas 65 hectáreas.