Tres incendios azoutan Salvaterra do Miño, Narón e Vigo

Bombeiros traballan na extinción do incendio no edificio abandonado de Narón (Foto: Speis Narón).
Medio centenar de veciños e veciñas dun edificio de tres bloques de vivendas do municipio de Salvaterra do Miño (O Condado).

Medio centenar de veciños e veciñas dun edificio de tres bloques de vivendas do municipio de Salvaterra do Miño (O Condado) tiveron que ser desaloxados nas últimas horas debido a un incendio rexistrado no garaxe común do inmóbel, incendio que se saldou con danos materiais mais sen persoas feridas.

Segundo informou o 112 Galiza e fontes coñecedoras do operativo, o lume iniciou ás 2 horas da madrugada, cando varios particulares alertaron a Emerxencias. O 112 deu aviso ao GES de Ponteareas (O Condado), bombeiros dos parques comarcais do Porriño (comarca de Vigo) e O Morrazo, e deuse alerta tamén aos bombeiros de Vigo.

O incendio orixinouse no garaxe común dos números 14, 16 e 18 da rúa Dona Urraca, e calcinou por completo dous coches e dúas motos, ademais de causar danos nun terceiro automóbil e afectación polo fume no resto. Tamén resultou danada a instalación eléctrica e varias tubaxes. O intenso fume obrigou a desaloxar as 48 vivendas, con medio centenar de veciños e veciñas.

O lume incidiu no teito do garaxe mais non se produciron danos estruturais graves no resto do edificio. Así, tras varias horas de traballo, a primeira hora da mañá permitiuse o regreso dos veciños e das veciñas ás súas vivendas.

Lume en Narón

Os bombeiros de Narón (comarca de Ferrol) extinguiron nas últimas horas un incendio que afectou a un edificio abandonado na Estrada de Castela, en Xubia, e iniciaron os labores de limpeza para confirmar que non se produciron vítimas, xa que o inmóbel adoita estar frecuentado por unha muller, aínda que a veciñanza afirmou que hai días que non a ve por alí.

Segundo informou o 112 Galiza, o lume iniciouse pasada a medianoite e as chamas comezaron nun rocho, entre a planta menos un e planta cero do edificio. Os servizos de Emerxencia mobilizaron aos bombeiros de Narón, de Ferrol e á Policía. Os labores de extinción víronse complicadas polo estado de abandono do edificio.

Incendio en Vigo

Por outra parte, o 112 informou tamén doutro incendio nun garaxe, ocorrido durante a madrugada na rúa Ecuador de Vigo. Neste caso, o lume afectou un colchón e unha muller embarazada resultou afectada, de maneira que tivo que ser evacuada a un centro hospitalario. No operativo interviñeron os bombeiros de Vigo, a Policía Local e os efectivos do 061. Segundo informaron os servizos de extinción, o intenso fume filtrouse polas zonas comúns do edificio.