O incendio de Vilardevós calcina xa 400 hectáreas e obriga a confinar dous núcleos pola proximidade do lume

Incendio forestal no concello de Vilardevós. (Foto: Atbrif)

A Xunta da Galiza decreta nivel 2 de emerxencia polo risco do lume para a poboación.

As chamas continúan avanzando descontroladas no concello de Vilardevós, na comarca de Verín. O lume, que se iniciou ás 23:40 horas da sexta feira na parroquia de Terroso, obrigou á Xunta da Galiza a confinar dous núcleos de poboación.

A alcaldesa da localidade, Eva Pérez Gamote, explicou que como medida de prevención procedeuse a confinar nas súas vivendas á veciñanza do núcleo de Dona Elvira pola proximidade ao lume e da propia parroquia de Vilardevós polo impacto do fume.

A Consellaría de Medio Rural destaca  a rapidez coa que se está estendo o incendio. Neste sentido, o lume afectaba ás 8.30 da maña deste sábado a 70 hectáreas, ás 10:15 a 120 hectáreas, ás 12:30 a 200 hectáreas e ás 15:30 a 400 hectáreas.

Os responsábeis do operativo contra o lume consultados por Nós Diario sinalan que "o incendio ten moitísimos focos e estendese pola serra de Penas Libres favorecido nalgunhas zonas polo vento".

Porto do Son

A Xunta da Galiza deu conta, tamén, dun incendio iniciado na madrugada deste sábado na parroquia de Miñortos, no concello de Porto do Son, na comarca do Barbanza, que queimou polo momento 16 hectáreas.

A Caniza

Os responsábeis do operativo contra o lume do Goberno galego dan por estabilizado desde a tarde da sexta feira ao lume  que afectou a parroquia do Couto, no concello da Caniza, na comarca da Paradanta.

O lume, iniciado na tarde da cuarta feira, queimou, segundo as estimacións da consellaría de Medio Rural, máis de 300 hectáreas.