Máis de 35 hectáreas calcinadas no incendio de Ribadavia, que segue activo

Extinción dun incendio declarado no Courel en xuño do ano pasado (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Parte da estrada N-120 está cortada ao tráfico por mor do fume.

Un incendio forestal permanece activo desde a noite da segunda feira na parroquia de Ribadavia, no municipio homónimo, cun balance que deixa, segundo a última información achegada por Medio Rural, máis de 35 hectáreas calcinadas.

O lume, segundo informou á primeira hora deste terza feira a Consellaría, iniciouse ás 22.11 horas, sen que os efectivos despregados puidesen controlar as lapas polo de agora.

Nas tarefas de control participan catro axentes, unha quincena de brigadas, once motobombas e unha pa. Debido ao fume, as autoridades decidiron cortar a estrada N-120 Vigo-Logroño entre os quilómetros 598 e 601, por mor do fume.

Aliás, un segundo lume afectou entre cinco e seis hectáreas en Quins (Melón), durante a mañá desta terza. Porén, este incendio si puido ser sufocado polas brigadas forestais.

Lume presuntamente intencionado en Ourol

A semana principiou na Galiza con outras seis hectáreas queimadas en Ourol, nun incendio con até tres focos diferentes que as primeiras pescudas apuntan a unha posíbel intencionalidade.

O lume, declarado durante a segunda feira na parroquia de Ambosores, no concello de Ourol, quedou extinguido ás 22.35 horas.

"A disposición dos puntos de lume ao longo da pista amosa unha clara intencionalidade que agora investigará a Unidade de Investigación de Incendios Forestais", precisou o departamento de avisos de incendios da Xunta.

Agora abrirase unha investigación para determinar se, efectivamente, este incendio en Ourol foi provocado por alguén.