As chamas axexan as vivendas de Feces de Cima (Verín) e volve decretarse a máxima alerta

O lume que se orixinara na raia alcanzou xa a parroquia verinesa de Feces de Cima. (Foto: Nós Diario)
A 'situación 2' volve activarse pola proximidade das chamas ás vivendas de Feces. Veciños e veciñas da zona loitan xunto a brigadistas forestais para tentar evitar que as chamas alcancen os núcleos habitados, mais advirten que "só hai dúas brigadas".

O incendio que se orixinara no norte de Portugal e que nas últimas horas saltou a 'raia' cara a Oímbra e Verín está a achegarse tamén a núcleos habitados da parroquia verinesa de Feces de Cima, segundo sinala veciñanza da zona a Nós Diario.

A orografía da parroquia "dificulta enormemente" a extinción

Nas últimas horas foron os propios veciños e veciñas as que tentaron evitar que as chamas axexasen as vivendas doutro dos lugares de Verín que están a arder con intensidade, Mandín, onde xa se perderon centos de hectáreas de monte comunal.

A orografía de Feces de Cima, sinalan as mesmas fontes, "dificulta enormemente" os labores de extinción, xa que se trata dun val.

Aliás, alertan da "falta de medios", dado que actualmente, afirman, son só dúas as brigadas que tentan conter o avance das chamas. "Nin avións, nin motobombas, nin nada", lamentan.

"O lume cruzou o río (Miño), cruzou o monte, cruzou unha autovía e unha autoestrada estatal, e ninguén fixo nada para evitar que chegase até as portas da parroquia", critica un veciño de Verín que está a colaborar cos brigadistas.

'Situación 2' en Oímbra

A 'situación 2' de perigo por mor dos lumes fora desactivada nas parroquias de Mandín e Rabal, esta última no municipio de Oímbra. Porén, a Xunta vén de decretar de novo este nivel de alerta en Rabal "de forma preventiva" pola proximidade das lapas ao núcleo verinés de Feces de Cima.