Un incendio no municipio luso de Lindoso acende a alerta na Limia

Fogo perto das casas, esta segunda feira 28 de xullo en Salvaterra de Miño. (Foto: Nós Diario)
'Situación 2' de emerxencia en Salvaterra de Miño.

Un virulento incendio continuaba esta segunda feira calcinando terreo en Lindoso (Portugal), afectando de maneira importante o Parque Nacional da Peneda-Gerês, compartido co Xurés. O fogo, que comezou o sábado, destruíu unha casa, feriu un bombeiro e comprometeu a seguridade de varios  equipos de extinción. 

Aínda que o incendio estaba cercando na xornada desta segunda feira a comarca da Limia, con imaxes que demostraban a proximidade do fogo á parte galega e mesmo a intensidade do fume no territorio galego, as autoridades estimaban esta segunda feira que non chegaría a cruzar a fronteira.

Trátase dun dos incendios máis grandes na historia entre os diversos que afectaron este parque nacional, xa que, segundo as estimacións, a superficie queimada xa estaba perto esta segunda feira de chegar ás 2.000 hectáreas.

Ademais, a Consellaría do Medio Rural decretou a 'situación 2' de emerxencia como medida preventiva por proximidade ás vivendas dun incendio forestal activo na parroquia de Pesqueiras, no municipio de Salvaterra do Miño (O Condado). Segundo informou a Xunta da Galiza aos medios, esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade deste fogo ao núcleo de poboación de Castelo.

O incendio iniciouse ás 15.45 horas desta segunda feira e, segundo as primeiras estimacións, afectaba xa unha superficie de 30 hectáreas. Durante a xornada mobilizáronse para a extinción deste fogo sete avións, sete helicópteros, dez brigadas, dúas pas, tres axentes forestais e un técnico.

Neste caso, a Consellaría do Medio Rural trasladou que descarta que se trate do mesmo incendio que se iniciou o pasado domingo na localidade portuguesa de Viana do Castelo.