Un novo incendio arrasa 20 hectáreas en Melón mentres seguen activos os de Cenlle e Oímbra

Hai tres incendios activos nestes momentos, en Cenlle, Oímbra e Melón. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Nas últimas horas declaráronse extinguidos os fogos forestais da Pobra de Trives e Viana do Bolo.

Un novo incendio afecta o monte galego desde esta segunda feira, declarado no municipio de Melón, na parroquia de Quins. Con este, son tres os fogos activos nestes momentos, un deles en Cenlle —que "evoluciona favorabelmente" cara a súa estabilización— e outro en Oímbra —que entrou por Portugal e que está xa estabilizado, após arrasar 70 hectáreas—.

Segundo informou a Consellaría de Medio Rural no parte desta terza feira, con datos recollidos até as 8 horas, o incendio da parroquia de Quins iniciouse ás 22.39 horas e queimou máis de 20 hectáreas. Para o seu control traballan cinco axentes, sete brigadas, seis motobombas, e unha pa.

Pola súa parte, o lume da Pena, en Cenlle, arrasou xa 40 hectáreas e evoluciona "favorabelmente" á súa estabilización, aínda que fica activo sen control. Para este incendio traballan un técnico, dez axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, unha pa, oito avións, e sete helicópteros.

Mentres, está estabilizado desde as 7.31 horas desta terza feira o lume forestal que entrou por Portugal a través da parroquia de Bousés, en Oímbra. Segundo o cómputo de Medio Rural, afectou unhas 70 hectáreas.

Incendios extinguidos

Os fogos forestais que quedaron controlados esta segunda feira foron finalmente apagados polos equipos de extinción. Concretamente, trátase do lume declarado na Grixoa, en Viana do Bolo, que quedou controlado ás 19.27 horas da segunda e deuse por extinguido ás 21.35 horas.

O balance final eleva as hectáreas arrasadas a 114,4. Para aplacalo mobilizáronse un técnico, 14 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, dúas pas, tres avións e nove helicópteros.

E o lume declarado en Barrio, na Pobra de Trives, quedou extinguido ás 20.08 desta segunda, após quedar baixo control ás 15.49 horas. Para apagar este incendio, que finalmente queimou 12,3 hectáreas —estimárase por riba das 20 inicialmente—, traballaron seis axentes, 19 brigadas, dez motobombas e un helicóptero.