O incendio de Maceda ascende xa a 150 hectáreas calcinadas

Vista aérea do incendio de Mourentán (Arbo), estabilizado esta terza feira. (Foto: Brigada de Laza - @BrifLaza)
Aliás, na tarde desta terza feira quedou estabilizado o fogo que afectou Arbo e que queimou perto de 400 hectáreas de superficie forestal.

Un novo incendio forestal está activo no país desde as 20.52 horas desta terza feira e arrasou xa, segundo as estimacións provisionais, arredor de 150 hectáreas. O lume iniciouse na parroquia de Castro de Escuadro, en Maceda.

Así se desprende do último informe publicado pola Consellaría do Medio Rural, que informa de que este fogo principiou en tres focos diferentes e simultáneos, polo que, segundo o departamento que dirixe José González, "todo apunta á súa intencionalidade". Na súa extinción participan un técnico, oito axentes, 28 brigadas, trece motobombas, tres pas, tres avións e sete helicópteros.

Aliás, desde as 21.30 horas desta terza feira permanece estabilizado o incendio máis grande dos que aínda non foron extinguidos no conxunto da Galiza: o que se iniciou na madrugada do sábado na parroquia de Mourentán (Arbo) e que calcinou unhas 400 hectáreas.

Este lume está perimetrado e sen chama. Medio Rural traslada que se están refrescando os puntos quentes e subliña que se mantén estabilizado. Para apagalo traballaron nove técnicos, 29 axentes, 90 brigadas, 59 motobombas, cinco pas, dúas unidades técnicas de apoio, doce avións e dez helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido o fogo da Cañiza

En canto ao incendio rexistrado en Oroso, na Cañiza, quedou extinguido ás 20.01 horas da pasada xornada, tras participar nos labores de extinción un técnico, 15 axentes, 26 brigadas, 13 motobombas dúas pas, nove avións e cinco helicópteros.

Medio Rural confirma que finalmente resultou queimada unha superficie de 29,5 hectáreas, das que 18 son arborizadas e 11,5, monte raso.

Finalmente, segue controlado o lume de Padróns, en Ponteareas, cunha superficie provisional afectada de 20 hectáreas. Na súa extinción participaron once axentes, 23 brigadas, 16 motobombas, unha pa e un helicóptero.