O incendio de Laza segue activo, con 2.100 hectáreas queimadas

Incendio en Laza (Imaxe: Rosa Veiga / Europa Press)

O incendio forestal de Laza (comarca de Verín), que, tras unirse co fogo de Chandrexa de Queixa, suma unhas 2.100 hectáreas queimadas, mantense activo.

Segundo a Consellaría do Medio Rural, o incendio de Laza permanece activo, aínda que salientou que se atopa "practicamente perimetrado" e que evoluciona "favorabelmente" cara á súa estabilización. En total, cinco fogos permanecen sen extiguir este sábado -o de Laza e outro catro máis pequenos-. Non experimentaron cambios en canto á superficie afectada.

O de Laza é o único que segue activo, despois de que sobre as 20,50 horas desta sexta feira se dese por estabilizado o rexistrado no Irixo e por controlado o de Boborás.

O lume do Irixo, que se iniciou en San Cosmede de Cusanca, calcinou 680 hectáreas; mentres que o de Boborás, que empezou na parroquia de Astureses, queimou ao redor de 120 hectáreas, segundo as estimacións provisionais do departamento que dirixe José González.

Tamén permanecen controlados os incendios iniciados en Vilardá, en San Xoán de Río, que queimou unhas 20 hectáreas; e en Casaio, en Carballeda de Valdeorras, que queimou ao redor de 440.

Ademais, sobre as 20 horas desta sexta, máis dunha semana despois de que empezase na parroquia de Cures, deuse por extinguido o lume de Boiro, na comarca do Barbanza. As hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenden a 2.200, das que 607 eran monte arborado e os 1.593 restantes, raso.

O de Boiro, o maior de agosto

O de Boiro, que é o maior dos incendios rexistrados até o de agora durante o mes de agosto no que respecta a superficie afectada -aínda que lle segue de perto o de Laza-, provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas, desaloxos e afectou a outra localidade da comarca, A Pobra.

Entre os extinguidos no mes de agosto, aos que se sumou esta sexta o de Boiro, atópanse os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas) como os seguintes de maior extensión.

Outro dos extinguidos máis significativos foi o do municipio de Monfero, parroquia de Queixeiro, xa que puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, aínda que se apagou despois de queimar só 0,01 hectáreas de monte arborado.

Tamén arderon 0,21 hectáreas en Vilariño de Conso, con afectación ao Parque Natural do Invernadoiro.

A lista dos xa extinguidos en agosto complétase con: As Pontes (dous fogos de 109 e 60 hectáreas), Arbo (82 hectáreas), Calvos de Randín (50 hectáreas), Ponteareas (15,6 hectáreas), Ames (6 hectáreas) e Vilariño de Conso (0,21 hectáreas).

Todo iso tras unha segunda quincena de xullo na que arderon unhas 34.000 hectáreas na Galiza, cos lumes do Courel (11.100 hectáreas) e Valdeorras (10.500) como os maiores rexistrados na historia.