O incendio "intencionado" en Verín, con dez focos, pon en risco vivendas e a fábrica de Augas de Sousas

O lume afecta o núcleo urbano de Verín. (Foto: @Incendiosgalic1/Twitter)

Polo de agora arrasou 260 hectáreas.

Un incendio declarado na parroquia de Ábedes, no concello de Verín, ás 14.52 horas desta cuarta feira, está a pór en risco as vivendas do núcleo urbano do termo municipal, o que obrigou á Consellaría de Medio Rural a decretar de inmediato a situación 2 de alerta pola proximidade das lapas aos domicilios.

Neste sentido, a veciñanza de Ábedes e do Polvorín tivo que ser desaloxada, despois de que o incendio provocase estragos en varios depósitos de propano que se atopaban perto das casas. Aliás, o lume obrigou a cortar a N-525 e a A-52, nos quilómetros 165 e 157 respectivamente.

Segundo detallan fontes de Medio Rural, o lume tivo a súa orixe en tres focos distintos, un feito que constataría "unha clara intencionalidade" á hora de provocalo. Agora mesmo, conta con, cando menos, 10 focos activos diferentes.

Polo de agora, os efectivos que participan nos labores de extinción son tres axentes, oito brigadas, catro motobombas, catro avións e seis helicópteros.

Novos focos

En conversa con Nós Diario, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, explicou que polo de agora non se rexistraron danos en vivendas, pero que a presenza de novos focos "que mostran indicios criminais" segue a pór en perigo varias zonas da contorna.

En concreto, Lourenzo explicou a que a principal zona en risco atópase neste momento na fábrica de Augas de Sousas, na que se acumulaban caixas de plástico e palés que, en contacto coas lapas, están a producir unha columna de fume negro que dificulta os labores de extinción.

O tenente de alcalde insistiu en que, se ben están conseguindo atallar a tempo os novos focos que se están a orixinar en Caldeliñas, A Rasela e Vilamaior, seguen aparecendo novos lumes en varios lugares do concello.

"Non é así como adoitan actuar os incendiarios, pero tantos focos consecutivos mostran unha clara intencionalidade", engadiu Lourenzo, que detallou que así llo están a trasladar ás autoridades policiais.

Da mesma forma declarou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a Europa Press. Neste sentido, o rexedor explicou que os dez focos seguen unha liña de 10 a 15 quilómetros de lonxitude que vai de "sur a norte".