O incendio forestal de Ribadavia afecta xa unhas 30 hectáreas

Sete avións foron mobilizados para conter o incendio de Ribadavia. (Foto: Arxina)
Continúa controlado desde a cuarta feira o fogo de Cenlle.

O incendio que afecta Ribadavia, na súa parroquia homónima, alcanza as 30 hectáreas calcinadas, segundo a actualización de datos estimados achegada pola Consellaría do Medio Rural. O foco permanece activo desde que se declarou ás 18.48 horas desta quinta feira.

Para deter o avance das chamas, foron mobilizados un técnico, 11 axentes, 31 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, sete avións e sete helicópteros.

No entanto, segue estabilizado desde as 20.22 horas o outro incendio activo declarado na quinta, neste caso o que se sitúa na parroquia de Parada, en Lobeira, e que afecta o parque natural da Baixa Limia-Xurés.

Neste caso, foron requiridos sete axentes, 28 brigadas, nove motobombas, unha pa, cinco avións e nove helicópteros.

Baixo control desde a cuarta

Desde as 22.27 horas desta cuarta feira segue baixo control o incendio forestal de Cenlle, iniciado na parroquia da Pena e que queimou unhas 62 hectáreas de terreo segundo as estimacións provisionais.

Nos labores de actuación deste lume actuaron tres técnicos, 31 axentes, 81 brigadas, 47 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, oito avións e nove helicópteros.