Veciñanza alerta de que o incendio da Pobra do Brollón ‘saltou’ o río Sil e prende en Ribas de Sil

Incendio na Pobra do Brollón, na ribeira do río Sil. (Foto: Nós Diario)

Residentes na zona advirten dun empeoramento da situación por mor do vento, que levar o lume cara ao sur.

Desde as 13.06 horas desta segunda feira está activo un incendio forestal no concello da Pobra do Brollón (Terra de Lemos), parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie superior ás 800 hectáreas.

A situación, segundo relata veciñanza da zona a Nós Diario, está a empeorar, como consecuencia do vento. “O lume está desatado, está a reavivarse nalgunhas zonas”, afirman.

O máis preocupante, sinalan, é que o incendio da Pobra do Brollón saltou o río Sil e chegou á outra beira, municipio de Ribas de Sil (comarca de Quiroga). “Estase tratando de protexer unha aldea, Castro de Abaixo”, informan. “Agora que saltou o río pode empezar a arder cara a arriba, por Ribas de Sil, San Xoán de Río...”, advirte a veciñanza con preocupación.

Se ben, apuntan, pola tarde hai un importante despregamento de medios aéreos para combater o lume, insisten en que o incnedio ten moita forza e segue avanzando.

"Onte estaba practicamente controlado. Ás tres da mañá estabamos alí, en Trasmonte. Estaban con contralumes, fixéronse un par de devasas tamén por alí pola zona. Pero saltou por riba e está entrando xa por toda a ribeira do Sil. Toda a zona da Ribeira Sacra, todas as viñas, e isto está moi moi descontrolado", relata a veciñanza, "desconcertada" porque "isto parece imparábel".

A proximidade do lume levou á Administración a activar a protección de núcleos de poboación na Pobra do Brollón e Quiroga. Trátase de Golmar, situado na parroquia de Abrence (A Pobra do Brollón), e de Conceado e San Pedro, pertencentes a Quintá de Lor (Quiroga).

A veciñanza saíu das súas vivendas de xeito preventivo durante as tarefas de extinción, mais, segundo indica Medio Rural, polo de agora non se rexistraron confinamentos ou evacuacións relacionados con este lume.