O incendio de Cualedro supera xa as mil hectáreas

(Foto: Cedida)

Afecta tamén o concello de Monterrei e é o máis grande do verán.

O voraz incendio que desde a tarde desta cuarta feira afecta os concellos de Cualedro e Monterrei continúa activo e avanzando e supera xa as 1.000 hectáreas de terreo queimadas en só unhas horas, o que o converte no máis grande da tempada na Galiza.

En concreto, o lume iniciouse durante a tarde desta cuarta feira na parroquia de San Millao, en Cualedro, e, en só unhas horas, avanzou rapidamente alimentado polas altas temperaturas e o vento. Pasada a media noite, a Consellaría do Medio Rural informou de que xa son máis de 1.000 as hectáreas afectadas.

No seu camiño, o lume pasou tamén ao territorio do veciño municipio de Monterrei, onde a media tarde se activou a Situación 2 pola proximidade das lapas ao núcleo de San Cristovo.


De feito, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil e o propio alcalde de Monterrei, algunhas vivendas desta poboación tiveron que ser evacuadas e as chamas afectaron a terreos agrícolas e viñas.

Coa evolución do incendio, que avanza a gran velocidade, foi necesario activar tamén a efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que se suman aos numerosos medios que traballan na zona.

Ademais, segundo fontes das brigadas, a intensa calor provocou que un dos bombeiros forestais de Laza que loitan contra as chamas tivese que ser evacuado en ambulancia a un centro hospitalario, aínda que o seu estado, nun principio, non é preocupante.

A situación prodúcese nun momento de alto risco de incendios en toda Galiza e cando aínda permanece controlado o lume que desde a semana pasada afecta tamén o municipio de Monterrei.