O incendio de Arbo segue fóra de control e próximo a vivendas após calcinar 400 hectáreas

As chamas calcinaron máis de 400 hectáreas en Arbo e segue decretada a situación 2 pola proximidade ao núcleo das Searas. (Foto: Y. C.)
Os fogos da Cañiza e Castrelo de Miño foron xa controlados.

As estimacións provisionais da Consellaría de Medio Rural en relación á superficie afectada polos catro incendios de maior entidade aínda non extinguidos na Galiza fican sen variacións nas últimas horas. Os dous máis grandes —Arbo, activo, e Castrelo de Miño, controlado— suman 600 hectáreas arrasadas.

Segundo informa Medio Rural, no parte de incendios forestais que inclúe datos recollidos até as 8.30 horas desta segunda feira, o incendio rexistrado na parroquia de Mourentán, en Arbo, queimou 400 hectáreas e segue decretada a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo das Searas.

Para combater este fogo traballaron sete técnicos, 23 axentes, 70 brigadas, 43 motobombas, cinco pas, dúas unidades técnicas de apoio, doce avións e nove helicópteros. Tamén se desprazou até Arbo, para axudar na extinición do lume de Mourentán, que se iniciou ás 3.17 horas da madrugada do sábado, a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Baixo control segue o incendio forestal rexistrado na parroquia de Barral, en Castrelo de Miño, após queimar 200 hectáreas, segundo as medicións provisionais. Na loita contra este lume traballaron dous técnicos, 42 axentes, 82 brigadas, 53 motobombas, catro pas, oito avións e un helicóptero. Tamén se mobilizou unha unidade técnica de apoio.

O fogo da Cañiza, controlado

Baixo control quedou ás 1.10 horas o lume rexistrado na parroquia de Oroso, na Cañiza, após queimar unha superficie provisional de 25 hectáreas. Na súa extinción traballaron un técnico, trece axentes, 20 brigadas, dez motobombas, dúas pas, nove avións e cinco helicópteros.

Medio Rural informou, aliás, de que se desactivou a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do incendio ao polígono industrial.

Finalmente, segue estabilizado o lume forestal de Padróns, en Ponteareas, que arrasou 20 hectáreas.