Continúa activo o incendio de Boiro, que xa queimou perto de 2.200 hectáreas

Un hidroavión realizando labores de extinción en Boiro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Na noite deste domingo declaráronse extinguidos os dous fogos que afectaron o municipio de Arbo.

O incendio forestal orixinado a pasada semana na parroquia boirense de Cures continúa activo após calcinar unha superficie de perto de 2.200 hectáreas, segundo o último balance publicado pola Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 8 horas desta segunda feira.

O fogo está xa perimetrado e "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización", precisan desde Medio Rural. Aliás, foi desactivada a situación 2 de alerta por proximidade a vivendas ao afastarse as chamas dos núcleos de poboación.

Por outra parte, continúa estabilizado o incendio de Verín, principiado na parroquia homónima, que deixa até o momento actual unhas 600 hectáreas arrasadas.

Cómpre lembrar que se orixinou en até unha decena de focos practicamente simultáneos e que, segundo informaron fontes da Garda Civil a Nós Diario, puideron prenderse desde un dron.

Tamén estabilizado segue o lume de Xustáns, en Ponte Caldelas, tras queimar perto de 380 hectáreas, mentres o de Saiar (Caldas de Reis), que se estendeu até Vilagarcía, levou por diante unhas 450 hectáreas antes de ser controlado.

Aliás, os dous incendios de Arbo, en Mourentán e Barcela, declaráronse extinguidos contra as 23 horas deste domingo após queimaren 485 e 82 hectáreas respectivamente.

Tamén se extinguiu o fogo declarado durante a madrugada en Randín, no concello de Calvos, tras arrasar 0,1 hectáreas.