Imputan a 11 estudantes pola protesta que obrigou suspender o consello de goberno da USC

Están acusados de delitos de “desordes públicas, danos e lesións” en relación coa protesta contra os recortes na universidade acontecida o pasado 14 de marzo na Universidade de Compostela (USC). A denuncia foi presentada por un dos gardas de seguridade presente no Reitorado

Once moz@s, a maior parte deles estudantes da USC, deberán declarar en calidade de imputad@s o vindeiro día 21 por uns supostos delitos de “desordes públicas, danos e lesións” acontecidos nunha mobilización universitaria contra os recortes.

Segundo se afirma desde Comités, organización que transmite a súa solidariedade a estes 11 mozos, a imputación está relacionada coa mobilización acontecida o pasado 14 de marzo, “ e que provocou a suspensión, durante un par de horas, da sesión ordinaria do Consello de Goberno desta Universidade”.

O denunciante acusa a est@s moz@s de "empurralo, golpealo e roubar material regulamentario de defensa", ademáis de provocar desperfectos

Na denuncia acusaríase a estes 11 mozos de “empurrar, golpear e mesmo roubar material regulamentario de defensa e que, mesmamente, provocaron desperfectos no edificio da Reitoría da USC”.

Solidariedade

“A Brigada Local de Información da Comisaría de Policía de Santiago de Compostela, tras cotexar as imaxes daquela xornada realizadas polos medios de comunicación, chegaron a indentificar a once das persoas alá presentes”,afirman desde os Comités. Relacionado con isto último, aseveran, “soubemos xa de erros formais na identificación de cando menos dúas das persoas imputadas”.

Alén dos Comités, tamén desde Asemblea de Estudantes ou o sindicato CUT, entre outros, están a transmitir nestas horas a solidariedade para cos e coas imputadas.