A ILP 'Liberemos A Galega' supera os 10.000 apoios necesarios para a súa tramitación no Parlamento

Recollida de sinaturas en Compostela o pasado 22 de outubro. (Foto: Arxina)
Máis de 40 colectivos integrados na plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo seguirá a recoller sinaturas nas próximas semanas.

A plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo logrou xuntar en pouco máis dun mes as 10.000 sinaturas precisas para dar trámite no Parlamento da Galiza á iniciativa Lexislativa Popular 'Liberemos A Galega', unha iniciativa que pretender modificar a actual Lei de Medios Audiovisuais da Galiza.

Segundo destaca nun comunicado dirixido aos medios, a cidadanía galega respondeu masivamente á chamada dos máis de 40 colectivos integrados na plataforma para apoiar esta mudanza. 'Liberemos A Galega' reclama a democratización dos medios públicos, tanto na súa cobertura informativa, "que debe respectar de forma escrupulosa a obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais, como no nomeamento do Consello de Administración e do seu director ou directora xeral".

A proposta tamén fai fincapé en que a TVG e a Radio Galega cumpran o fin para o que naceron: "A defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura e a promoción activa da igualdade e da diversidade".

Novas datas para dar apoio á CRTVG

Unha vez superada a recollida das 10.000 sinaturas precisas para poder iniciar a tramitación na Cámara para o debate da iniciativa no hemiciclo, a plataforma acordou "seguir traballando para recabar un número de apoios significativos" entre a cidadanía que dea conta da "necesidade urxente" de modificar a lei para garantir uns medios públicos libres e plurais.

Con ese fin, a vindeira terza feira, 17 de decembro, instalaranse de novo mesas nas sete cidades galegas máis en Vilagarcía. E a seguir, o 14 de xaneiro. Ademais, solicitarán a ampliación de prazo de recollida de aopios dentro dos límites legais estabelecidos.