O IES Mugardos denuncia eivas no réxime de validación de estudos

Interior do instituto de Mugardos. (Foto: IES Mugardos)
Unha representación do profesorado denuncia que unha alumna chegada de Italia terá que "retroceder dous cursos" polas dificultades para validar as materias entre Italia e España. Aseguran que ten os coñecementos precisos para dar por superada a ESO e reclaman que se atenda o particular desta situación.

As e os profesores do IES Mugardos, así como a equipa directiva, veñen de denunciar os problemas que ten o sistema de validación dos estudos para estudantes que chegan doutros estados. Malia que falan dun caso concreto, as e os docentes poñen de relevo unha eiva na xestión.

En concreto, alertan de que unha rapaza italiana que estudou no instituto e que tivo unha media de notábel vai ter que “retroceder dous cursos polo réxime de validación entre Italia e España”.

Dada a peculiar situación de Nerea Raffaele, que superou o equivalente a 4 da ESO en Italia “e cursou con éxito notábel os primeiros meses de primeiro de bacharelato”, exixen que se apliquen “medidas extraordinarias” para que a moza non perda tempo dos seus estudos.

“Despois de agardar durante meses a validación dos seus estudos, e tras unha ardua pelexa por parte dos seus país, a decisión do Ministerio de Educación é non validar as materias necesarias para considerar a ESO superada”, lamenta a comunidade educativa mugardesa.

Así, despois de tres recursos por parte dos proxenitores, as e os profesores alertan da situación para intentar axudar á alumna, que mesmo chegou a trasladarse ao IES de Caranza.

“É por isto que o equipo de profesores do IES de Mugardos quere facer chegar a súa queixa nun caso que, polas características demostradas da moza, debería ser considerado extraordinario”, din.

Aliás, subliñan que “o ano pasado por mor da crise da Covid-19 promocionaron todo o alumnado non só de España senón tamén de Italia”. Polo tanto, agardan a apertura dun diálogo ao respecto coas autoridades educativas.