Hoxe principia a primavera e estes son os fenómenos que trae da man este ano

A devesa do Cervo na primavera. (Foto: Colectivo Xea).

Durará 92 días e rematará o 20 de xuño co comezo do verán. Unha estación na que haberá 2 eclipses e choiva de meteoros das líridas. Na Galiza, os prognósticos apuntan a unha estación máis calurosa e chuviosa do normal. 

A primavera empezará esta cuarta feira, durará 92 días e terminará o 20 de xuño co comezo do verán. En meteoroloxía, a tempada de primavera da Terra para o hemisferio norte e a tempada de outono para o hemisferio sur comezaron o 1 de marzo.

Con todo, o equinoccio de marzo trae as estacións astronómicas de primavera e outono, respectivamente, para os dous hemisferios do noso planeta. Isto sucederá este ano a cuarta feira 20 de marzo ás 03.06 UTC, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional. Esta estación durará aproximadamente 92 días e 18 horas, e rematará o 20 de xuño co comezo do verán.

O inicio da primavera no hemisferio norte está definido polo instante en que a Terra pasa polo punto da súa órbita desde o cal o centro do Sol cruza o ecuador celeste no seu movemento aparente cara ao norte. O día en que isto sucede a duración do día e a noite practicamente coinciden. A esta circunstancia chámaselle tamén equinoccio de primavera.

No momento en que a primavera comeza no hemisferio norte, no hemisferio sur comeza o outono.

Durante a primavera de 2024 terán lugar dúas eclipses, un de Sol e outro de Lúa. A eclipse de Lúa sucederá o 25 de marzo, será de tipo penumbral, e poderá verse en América. A eclipse de Sol sucederá o 8 de abril, será de tipo total, e verase en América do Norte e Centroamérica. No Estado español, a eclipse de Sol será visíbel como parcial nas illas Canarias máis occidentais e a Galiza, mais con magnitudes moi baixas.

Outros fenómenos de interese astronómico durante a primavera de 2024 son as choivas de meteoros das líridas, cuxo máximo se espera cara ao 22 de abril, e as eta acuáridas, con máximo cara ao 5 de maio. As lúas cheas da estación terán lugar  25 de marzo, 24 de abril e  23 de maio.

Ao longo do século XXI, o inicio da primavera pode darse, como máximo, en tres datas distintas do calendario (do 19, 20 e 21 de marzo), sendo o seu inicio máis temperán o do ano 2096 e o inicio máis tardío o de 2003. As variacións dun ano a outro son debidas ao modo en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario (uns bisestos, outros non) coa duración de cada órbita da Terra ao redor do Sol.

Os prognósticos indican que esta primavera na Galiza e no Estado vai ser máis cálida do normal. Ao tempo, tamén se prevé que esta estación na Galiza sexa máis chuviosa do normal.