Os hospitalizados por Covid na Galiza baixan xa de 900

(Foto: Europa Press)

Os casos activos caen a 10.908.

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza seguen en descenso e sitúanse en 863, o que supón 61 menos que a xornada anterior. Tamén os casos activos de coronavirus manteñen a tendencia descendente e caen a 10.908.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta feira, nos que se indica que hai 180 persoas con Covid en UCI -sete menos que a xornada anterior- e 683 noutras unidades de hospitalización -54 menos-.

O sete áreas sanitarias rexistran un descenso dos pacientes hospitalizados, en especial a da Coruña e Cee, na que, aínda que aumentan nun os críticos até os 63, descenden a 186 -supón 17 menos- os que se atopan con Covid noutras unidades.

Os casos activos manteñen a tendencia descendente e caen a 10.908 na Galiza, o que supón 834 menos que o día anterior. A baixada é xeralizada en todas as áreas sanitarias galegas.

Os contaxiados ascenden a 109.679. Deles, 25.929 corresponden á área da Coruña e Cee; 20.643 á de Vigo; 17.617 á de Santiago e Barbanza; 14.376 á de Ourense; 11.958 á de Pontevedra e O Salnés; 11.418 á de Lugo; e 7.738 á de Ferrol.

Os novos contaxios detectados con diferentes tipos de probas volveron a descender lixeiramente a 351 -seis menos que a xornada anterior-, deles 307 confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

Mentres, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- descendeu a un 3,5%, polo que, como a xornada anterior, mantense por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia e do que Galicia logrou baixar por primeira vez a semana pasada desde o 24 de decembro.

Os falecidos desde o inicio da pandemia ascenden a 2.147, despois de comunicar Sanidade a morte doutras nove persoas con Covid-19, sete das cales son vítimas correspondentes á terza feira.