Hospitalizada unha das mulleres en folga de fame na Coruña

Imaxe Ve-la luz

Após ser hospitalizada unha das mulleres que manteñen a greve de fame desde hai 120 horas, o movemento feminista galego solidarizouse coa asociación e exixen un compromiso político na loita contra a violencia machista. O protesto cumpre xa 5 días . Oito mulleres continúan en folga.

 

A Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto emitiu este domingo un comunicado de imprensa após coñeceren a hospitalización dunha das integrantes de Ve-la luz en folga de fame.

Desde a Plataforma --que abrangue colectivos feministas e asembleas de mulleres de múltiples organizacións políticas, sociais e sindicais-- quixeron amosar o seu apoio e solidariedade coas mulleres de Ve-la luz que levan desde o pasado 15 de outubro en greve para denunciar, lembran, o "desamparo das vítimas de violencia de xénero" e as súas crianzas. 

Aliás, a Plataforma polo dereito ao aborto sumouse ás súas reivindicacións e denunciaron os "recortes na protección" e a "consecuente", din, "indefensión" que isto supón para milleiros de mulleres agredidas pola violencia machista. 

Para os colectivos e organizacións que integran o movemento feminista galego os "supostos argumentos de austeridade" os gobernos da Xunta e de Madrid "suprimen organismos, desmantelan a rede de benestar e os centros de atención a mulleres" mais, critican, "crean órganos con dotación orzamentaria para financiar colectivos como a Red Madre" impedindo que as mulleres "exerzamos os nosos dereitos en liberdade". 

As mulleres tamén recibiron o apoio do voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera que as visitou este domingo 20 de outubro.

Hospitalizada após 120 horas sen inxerir alimentos

Esta madrugada unha das integrantes da Asociación Ve-la luz que permanecen en folga de fame desde hai sete días tivo que ser hospitalizada por recomendación médica. 

Os servizos sanitarios que se achegaron até o local en que desenvolven o protesto aconsellaron á muller que fora trasladada ao hospital para lle practicaren unha serie de probas médicas, segundo informou a través dun comunicado a propia asociación. 

Desde Ve-la luz denuncian que as institucións públicas están a "ningunear" a súa loita. Hai sete días que decidiron fecharse nas inmediacións da Audiencia provincial da Coruña para exixiren "protección real" para as mulleres face a violencia machista. 

A asociación protesta desta maneira polos recortes que se están a aplicar nas accións políticas contra a violencia de xénero, desde o salario da liberdade á atención psicolóxica das vítimas. 

Após unha semana do inicio da folga foron dúas as mulleres que se viron obrigadas a abandonar, porén, desde Ve-la luz reiteran que manterán o protesto "até que deixen de nos matar", din, "polo único delito de ser mulleres"