O horario cambia na madrugada deste domingo: ás 3 serán as 2

Reloxos nun escaparate. (Foto: Europa Press)

O horario de inverno comezará durante a madrugada deste sábado 25 de outubro ao domingo 26, cando ás 3 pasarán a ser as 2 horas. De acordo coa normativa en vigor, este horario estenderase en principio até a madrugada do 28 ao 29 de marzo de 2026.

A Unión Europea (UE) fixa unha data e unha hora comúns a todos os Estados membros para o comezo e o fin do coñecido como horario de verán. A última comunicación da Comisión Europea respecto diso foi de 2021. Daquela trasladouse cando se tiñan que producir os cambios até 2026: as últimas fins de semana de marzo e outubro, respectivamente, ás 2 horas na Galiza.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu reactivar o debate no seo da UE para abolir o cambio de hora estacional, un asunto que o Executivo levou por primeira a segunda feira a nivel de ministros, nunha reunión de Enerxía dos 27 en Luxemburgo, na que exporá reformar o sistema xa en 2026, esgrimindo que apenas axuda a aforrar enerxía e que mesmo ten "un impacto negativo" na saúde e na vida dos cidadáns.

A Comisión Europea tentou unha reforma en 2018, cando o daquela presidente do Executivo comunitario, Jean-Claude Juncker, propuxo acabar co cambio horario bianual e dar a cada país liberdade para decidir se consolidar no seu territorio un fuso ou outro. A falta de avaliacións de impacto e o medo á fragmentación dentro da UE levou aos Estados membro a aparcar a revisión, que, de retomarse, deberán negociar o Consello (gobernos) e Eurocámara sobre a base dunha proposta da Comisión Europea.

Franco e Hitler

O primeiro cambio de hora no Estado español produciuse en 1918, aínda que nin entre os anos 1920 e 1925 nin entre 1930 e 1936 produciuse ningún cambio de hora. O Goberno Francisco Franco retomou en 1940 esta medida para que o Estado español tivese o mesmo horario que a Alemaña nazi e os países de Europa Central. O horario de verán resucitou no Estado e no resto de Europa nos anos 70 pola crise do petróleo e até que non haxa cambios a nivel europeo, segue vixente.

No último cambio de hora —o de marzo de 2025 para pasar ao horario de verán—, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) sinalou que non realizou estudos, avances nin traballos relacionados co cambio de hora nos últimos anos.

Ademais, recalcou que no Estado español non existen informes actualizados que permitan asegurar que o cambio de hora leve asociados aforros enerxéticos. "O último data de 2015 e en ningún caso se analizou o impacto do cambio de hora nun contexto como o actual", insistiu.

O fuso horario galego

O debate, porén, non se limita ao cambio horario de outubro e marzo, senón ao fuso horario en que debería situarse Galiza. A posición xeográfica do país —a máis occidental da Europa continental— fai que amenza e anoiteza moito máis tarde ca noutros territorios co mesmo horario oficial, como Berlín ou Madrid. Por iso, cada vez máis voces defenden que a Galiza se sitúe no fuso de Portugal e das Canarias, o que lle corresponde de maneira natural.