Un home rouba un autobús na estación de Noia e bate con el contra a ponte medieval do río Traba

O autobús roubado nas inmediacións da ponte do Traba. (Foto: Cedida)
A súa fuxida, lonxe de ser por estradas principais, levou á histórica e protexida ponte medieval do río Traba, que se atopa restrinxida ao tráfico e que tan só poden cruzar os turismos das persoas residentes no núcleo rural do Couto.

Un home roubou un autobús da empresa Comparado na estación de Noia, o que propiciou que fose perseguido polo municipio por axentes da Policía Local e da Garda Civil, nunha estrambótica situación da que este sábado fala toda a veciñanza da localidade noiesa.

A súa fuxida, lonxe de ser por estradas principais, levou á histórica e protexida ponte medieval do río Traba, que se atopa restrinxida ao tráfico e que tan só poden cruzar os turismos das persoas residentes no núcleo rural do Couto.

Estado do autobús tras chocar contra a ponte. (Foto: Cedida)

Tras causar danos en varios automóbiles no seu trazado polas estreitas rúas da contorna, o ladrón do autobús deu co pesado vehículo contra a histórica ponte, que data do século XV, causando danos na mesma ao tirar con varias pedras da infraestrutura medieval.

Precisamente este é o punto onde a aventura deste home rematou. “Tratou de fuxir, mais non o conseguiu tras ser inmobilizado polos axentes. Finalmente marchou coa Policía Local”, destaca a Nós Diario unha veciña que foi testemuña destes estrambóticos feitos.

“Eu tiven sorte, posto que cando cheguei, o autobús estaba máis ou menos a metro e medio do meu coche”, engade esta moza que corrobora a este xornal que os danos non só atinxiron ao autobús polo choque na ponte, senón tamén a outros vehículos estacionados na contorna.

O tamaño do autobús roubado excede as dimensións da ponte, o que impediu que puidese pasar, algo que provocou, á súa vez, que os axentes das forzas de seguridade lograsen dar alcance ao cidadán que estaba sendo perseguido pola Policía Local e a Garda Civil.

Estado da ponte tras o choque do autobús. (Foto: Cedida)

Alén dos danos sobre os vehículos, non houbo que lamentar ningún dano persoal. Con todo, a vítima indirecta desta rara situación foi a ponte do Traba. Esta ponte medieval, do século XV, presenta catro arcos, tres deles oxivais e o outro de medio punto e foi construído sobre outra estrutura medieval anterior do século XII, pola que pasaba a vía romana que atravesaba a península do Barbanza.

Até o lugar acudiu tamén un representante da empresa Autos Comparado, que comprobou no lugar os danos sobre o autobús da empresa, así como o alcalde de Noia, Santiago Freire, que se interesou pola situación dos vehículos e da ponte medieval do Traba.