Investígase como violencia machista o asasinato dunha muller de 25 anos en Ribeira

Vista panorámica do municipio de Ribeira. (Foto: Nós Diario)
Sucedeu nunha vivenda de Palmeira, e o home intentaría quitarse a vida despois de cometer o presunto crime.

Unha muller de 25 anos foi asasinada esta terza feira presuntamente a mans da súa ex parella cunha arma branca en Palmeira, no municipio de Ribeira (O Barbanza). Sucedeu esta tarde, contra as 17.30 horas, e inmediatamente despois o home tentou suicidarse, segundo informan fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press. O suceso investígase como crime machista.

Foi un particular quen chamou á central de emerxencias do 112 para informar dun altercado nunha vivenda de Palmeira. Inmediatamente deuse aviso á Policía Nacional, Policía Local, Bombeiros de Ribeira e 061.

Ao entrar no domicilio os servizos de emerxencia, atoparon a muller xa falecida no interior. Pola súa parte, o home está en estado crítico tras tentar suicidarse e foi trasladado ao hospital. O 061 enviou un médico do PAC de Ribeira e unha ambulancia asistencial. A parella tiña un fillo pequeno en común que non se atopaba na vivenda nese momento.

Reaccións

A Marcha Mundial das Mulleres xa avanzou que prevé mobilizacións para condenar o crime esta quinta feira, 21 de marzo, dado que o protocolo estabelece nestes casos que se deben convocar 24 horas despois da confirmación do asasinato en prensa.

Non tardaron en chegar as primeiras mostras de repulsa. "Estremecémonos cada vez que recibimos unha noticia como esta. Un novo asasinato machista deixa á sociedade galega e á vila de Ribeira sen palabras. Todo o meu apoio e cariño á familia e aos seres queridos", dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

"Énchenme de rabia e tristura (unha vez máis) acontecementos coma este. Basta xa! Non podemos permitir nin soportar nin un asasinato machista máis", engadiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. E o alcalde ribeirense, Luís Pérez Barral, informou de que o Concello decretará loito oficial e esta cuarta feira convocará un pleno extraordinario urxente acompañado dun minuto de silencio.

Contra as 21.15 horas desta terza procedeuse ao levantamento do corpo da vítima na vivenda. Até o lugar desprazáronse varios axentes da Policía Científica para solicitar probas. De confirmarse como tal, este sería o primeiro asasinato machista na Galiza no que vai de 2024.