Un home de 44 anos e a súa filla de 17 falecen tras sufrir un accidente na AC-543

Emerxencia 112 Galiza (Foto: 112).
Outras dúas persoas permanecen graves no hospital.

Un home de 44 anos de idade e a súa filla, de 17 anos, faleceron a tarde deste domingo tras chocar o vehículo no que viaxaban contra outro na estrada AC-543 (Compostela-Noia) á altura da urbanización de Aldea Nova, segundo confirmaron fontes municipais.

As dúas vítimas mortais eran da parroquia compostelá de Laraño. O pai viaxaba xunto á súa filla nun Opel Corsa, en dirección Bertamiráns (Ames) cando chocou de fronte contra un Volkswagen T-Roc que circulaba polo carril dirección cara a Compostela.

As dúas persoas que ocupaban este segundo vehículo, un home de 46 anos e unha muller de 44 anos, resultaron feridas, nunha primeira avaliación, de gravidade, polo que foron evacuados ao Hospital Clínico Universitario de Compostela. Os Bombeiros tiveron que excarcerar e liberar a estas dúas persoas.

Mobilización de emerxencia

O 112 tivo coñecemento do suceso ás 17.45 horas e até o lugar, ademais de tres ambulancias do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e os Bombeiros de Boiro e de Compostela, tamén foron desprazados o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Brión, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Ames.

Até o lugar do sinistro desprazouse o alcalde de Ames, Blas García, e a súa homóloga de Compostela, Goretti Sanmartín, ao tratarse as dúas vítimas mortais de persoas con residencia na capital da Galiza.

O punto onde se produciu o sinistro, entre a rotonda de Aldea Nova e a gasolineira Galp, é unha zona con visibilidade, mais é unha pendente de baixada e a calzada esta xornada estaba mollada polas choivas caídas. A Garda Civil de Tráfico ratificará as circunstancias do suceso.