Hai reválida, hai boicot

A Plataforma galega en defensa do ensino público chama a non asistir ás reválidas de Primaria e ESO e critica que a Xunta non asuma, como si fan outros territorios, a fin da Lomce.

Máis un curso volve haber reválidas e máis un curso volve haber chamadas ao boicot das mesmas. A reválida en 3º de Primaria, fixada para os días 28 e 29 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, tamén nos días 28 e 29  de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos.


Desde a Plataforma galega en defensa do ensino público animan a darlle continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores - por volta 80% non participaron nesas probas- e a “non baixar a garda” na loita contra a Lomce “mentres o Partido Popular non asuma, como xa fan outras comunidades, o fin da mesma”.


Na Plataforma critica que a Consellaría de Educación “continúa a dilapidar” cartos públicos na realización dunhas probas “que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado, como na resposta ás súas demandas ou na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade”.