Hackean o teléfono do alcalde de Boqueixón e solicitan diñeiro á veciñanza do municipio

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. (Foto: Nós Diario)
O dispositivo da directora do colexio CRA Neira Vilas tamén está sendo usado polas persoas estafadoras para suplantar a súa identidade e solicitar diñeiro á veciñanza do municipio.

O Concello de Boqueixón (comarca de Compostela) presentou unha denuncia ante a Garda Civil polo hackeo do teléfono móbil do alcalde, Ovidio Rodeiro, así como da directora do colexio CRA Neira Vilas, para suplantar a súa identidade e solicitar diñeiro á veciñanza do municipio.

Diso informou o Concello, que fixo un chamamento á veciñanza para que faga "caso omiso" de calquera mensaxe de WhatsApp que lles chegase nas últimas 24 horas desde eses dous números e, sobre todo, que non fagan efectivo ningún tipo de pagamento, transferencia ou bizum.

Ademais, nun comunicado, o Consistorio lembrou que non utiliza a plataforma WhatsApp para xestionar a cobranza de ningún tipo de servizo municipal. O Concello lamentou, ademais, as molestias que esta situación poida causar entre a veciñanza.

Neste sentido, as fontes municipais manifestaron que esperan recuperar o control de ambas as liñas ao longo das próximas horas, así como que as investigacións da Garda Civil permitan localizar e deter á persoa ou ás persoas responsábeis desta situación.