Guindan ao mar un banco coa bandeira LGBT en Rianxo e o Concello advirte: "Non permitiremos que gañen os intolerantes"

Axentes da Policía Local rescataron o banco do mar. (Foto: Concello de Rianxo)
O Goberno local reporá o banco e pintará máis coas cores do arco da vella, ao tempo que intensificará a vixilancia para "dar cos causantes desta acción tan covarde".

Máis un ataque ao colectivo LGBT, desta volta en Rianxo. O Goberno local informou na mañá desta segunda feira dun acto vandálico nas últimas horas contra un banco do paseo marítimo de Setefogas adornado coas cores do arco da vella que foi arrincado e guindado ao mar.

Desde o Concello manifestan o seu rexeitamento "firme e contundente" a esta actuación "contra un símbolo da tolerancia, o respecto e o compromiso cos dereitos LGBTI", apuntan, nunha mensaxe difundida nas redes sociais.

"Non é un acto vandálico máis contra o patrimonio de todos e todas, xa de por si condenábel, senón que entendemos vai contra o que representa, que é a tolerancia entre as persoas e a loita polos dereitos que preside e debe presidir o municipio", engaden desde o consistorio municipal.

Dous axentes da Policía Local foron os encargados de recuperar o banco, e as autoridades xa están a buscar os culpábeis. Aliás, informou o Concello, non só se reporá este elemento, senón que "se realizarán máis repintados semellantes nos bancos situados na zona".

"De ningunha maneira imos permitir que gañen os intolerantes e homófobos esta loita contra o respecto", sentencian desde o Goberno local, que tamén avanzou que se "intensificará" a vixilancia e control no lugar para "dar cos causantes desta acción tan covarde".

Estes feitos, segundo o Concello de Rianxo, posibelmente tiveron lugar na noite da sexta feira ao sábado, nun momento no que "a marea baixa deixou ao descuberto da auga o banco multicor, instalado no lugar desde o pasado novembro como un dos actos desta data da non violencia contra as mulleres".