Guía completa do Entroido galego para que non perdas nada
Falta menos dunha semana para que comece o Carnaval nas cidades galegas. Porén, o Entroido máis tradicional leva xa varias semanas enchendo de ritos e tradicións as rúas das vilas e aldeas que foron quen de conservar durante séculos e practicamente intactos estes festexos. Alén da fin de semana común en todo o país, o calendario do Entroido galego esténdese desde o Nadal até a Coresma, colgando no caso de Xinzo o galardón de Entroido máis longo de Europa.
O Entroido é unha desas festas cíclicas da cultura popular que se repiten cada ano polo mesmo tempo, e cuxa chegada significa a saída do inverno e a entrada da primavera. A maioría das festas teñen datas fixas porque seguen o vixente calendario solar. No pasado, non obstante, todas as civilizacións antigas, agás a exipcia, seguían o calendario lunar, baseado no irregular ritmo das lunacións (29 días e 12 horas por temo medio).
En senso estrito, o Carnaval estándar correspóndese cos tres días previos á Coresma: domingo, segunda feira e terza feira de Entroido ou de Carnaval. En moitos lugares, esta festa reducíase só á terza feira, día grande do Entroido xa na véspera da cuarta feira de Cinzas, tamén chamada cuarta feira Gorda ou Lardeira. Na cultura francesa, o Mardi Gras dálle nome incluso a todo o período festivo. Nalgúns sitios, a Lardeira festexábase a quinta feira anterior ao Entroido.
Neste sentido, o Entroido representa o anverso á penitencia da Coresma cristiá, celebrándose en ámbitos urbanos estritamente nos tres días previos ao seu comezo. Porén, vilas rurais do interior da Galiza foron quen de conservar a estrutura, a tradición e o espírito dun Entroido que sobreviviu séculos.
O calendario galego
No calendario galego danse, hoxe en día, variacións importantes na extensión da festa. Tense falado dun calendario propiamente galego de quince días (domingo Fareleiro, quinta feira de Compadres, domingo Corredoiro, quinta feira de Comadres, domingo, segunda feira e terza feira de Entroido, e domingo de Piñata). Porén, a realidade evidencia que só existiu tal calendario en determinados territorios do interior da Galiza.
Na maior parte do país, o Entroido redúcese agora ao domingo e á terza feira de Carnaval. A fixación da fin de semana como tempo laboral de lecer levou, paseniño, á implantación tamén dun sábado de Entroido. Nas zonas de maior tradición, o período amplíase ás datas previas. Xinzo da Limia, na comarca da Limia, conta co ciclo máis longo dos Entroidos europeos: domingo Fareleiro, domingo Oleiro (ambos os dous exclusivos desta vila), domingo Corredoiro, domingo, segunda feira e terza feira de Entroido e domingo de Piñata.
No sentido máis amplo, o período carnavalesco abrangue do Nadal á Coresma. Un período salpicado de certas celebracións e no que se repiten determinados comportamentos transgresores. O tempo do Entroido tiña, dentro da cultura popular europea, e ten, no interior da Galiza, o seu propio ritmo e estrutura no ciclo da natureza e da vida do ser humano, culminando coas mascaradas invernais.
Domingo Fareleiro
O Entroido en Xinzo da Limia comezou xa o sábado antes do domingo Fareleiro (este ano caeu o 9 de febreiro) coa petardada. O domingo Fareleiro (9 de febreiro) tivo lugar na praza Maior, onde o pobo se divertiu xogando e enchendo de farelos (fariña dos porcos) toda a xente que atopa.
Na veciña vila de Verín tanto as fareladas como as petardadas son parte esencial e espectacular da festa nos días grandes; porén, a primeira fariñada de Verín non ten un día específico, senón que se leva a cabo no domingo Corredoiro, que este ano cae este mesmo domingo, 23 de febreiro. Tamén se botan ou corren a fariña en Viana do Bolo, na comarca de Viana —este ano, foio sábado 22 de febreiro, mais repetirán o vindeiro 1 de marzo—, e en Ourense, na Festa da Pita das Eiroás, o pasado 16 de febreiro..
Domingo Oleiro
Característico durante as últimas décadas do século XX de maneira exclusiva do Entroido limiao, o xogo das olas acórdano en Marín (comarca do Morrazo), Ourense, Xunqueira de Ambía (Allariz-Maceda), na parroquia ourensá de Seixalbo ou en Allariz, entre outras localidades.
Tamén en Santiago de Compostela, onde recibía o nome de vasifragio e practicábase o propio domingo de Resurrección. En Portugal coñecíase como jogo da pucarinha ou da cantarinha e en Francia era o jeu de la toupiole.
Hoxe en día son máis e máis as vilas e aldeas que van recuperando a tradición do Domingo Oleiro, como é o caso da Festa da Pita das Eiroás (Ourense), que celebra o Domingo Oleiro tamén o 23 de febreiro. Na praza Maior de Xinzo de Limia xa decorreu o pasado domingo, 5 de febreiro. Trátase dun xogo no que se pasan as olas de barro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, comarca de Allariz-Maceda).
Domingo Corredoiro
Outro domingo con denominación específica no Entroido galego é o inmediatamente anterior ao Domingo de Entroido. É cando se comeza a correr o Entroido e, en moitas vilas, as máscaras fan a súa primeira aparición do ano: en Xinzo de Limia saen as pantallas; en Verín, tamén este domingo, os cigarróns farán a súa aparición para saudar a veciñanza; en Bande (A Baixa Limia) os troiteiros percorreron o 22 de febreiro as rúas acompañados dunha banda de gaitas; na Mezquita (Viana) celebran o Corredoiro do Galo, máxima autoridade do Entroido desta vila. Cae este ano, no día 23 de febreiro.
Domingo 2 de marzo: Domingo de Entroido ou Domingo Gordo
Data máis sinalada na maioría de vilas e aldeas durante estes festexos. En Viana do Bolo fan aparición os boteiros nunha popular ruada e acompañados dos folións. Celebran ademais a tradicional Festa da Androlla.
O domingo de Entroido ou de Estrea, que coincide este 2025 en 2 de marzo, é tamén o día grande en Laza (comarca de Verín), coa estrea da súa figura típica, os peliqueiros. A este domingo séguelle o luns borralleiro, día no que a veciñanza de Laza recupera os seus rituais máis primitivos: a farrapada, unha batalla de farrapos impregnados en lama, e a baixada da morena, unha personaxe que consta dunha cabeza de vaca feita de madeira e que vai acompañada de mozos e mozas que tiran formigas "famentas" a toda a xente que se atope no lugar.
Domingo de piñata
Trátase dunha incorporación urbana e tardía ao domingo seguinte ao Entroido. Nos lugares onde se celebra o domingo de Piñata (este ano o día 9 de marzo) hai xogos infantís con piñatas, bailes e saen algunhas máscaras.
Quinta feira de Compadres e de Comadres
As quintas feiras de Compadres (este ano caeu no 20 de febreiro) e de Comadres (cae o próximo día 27 de febreiro) son xusto as anteriores aos tres días grandes do Entroido. Perdidas durante anos, foron recuperadas en moitas vilas do interior, especialmente no 'epicentro' no Entroido galego.
Tradicionalmente, na quinta feira de Compadres, as mozas do lugar confeccionaban un boneco chusco e erixíano nun lugar destacado para ridiculizar os homes. Sete días despois, na quinta feira de Comadres, eran os homes os que elaboraban unha boneca con palla e roupas vellas e conferíanlle todos os atributos da indignidade.
Na actualidade, a quinta feira de compadres é a noite na que os homes enchen os restaurantes e as rúas da vila de troula, e na quinta feira de comadres, son as mulleres as que fan o propio.
Podes consultar a programación completa destes entroidos e doutros máis nesta guía elaborada por Turismo de Galiza.
Máis entroido
Estas son só algunhas das datas máis sinaladas dalgúns dos entroidos da Galiza, máis esta celebración é moi diversa ao longo e largo do país e así o testemuña o rico repertorio de máscaras galegas, unhas con orixes antigas e outras anovadas: os Boteiros de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso (comarca de Viana), Maceda (comarca de Allariz-Maceda) e de Celavente (concello do Bolo) e da Veiga (na comarca de Valdeorras); os Peliqueiros de Laza (comarca de Verín); os Cigarróns de Monterrei (comarca de Verín); as Pantallas de Xinzo e da comarca da Limia; Vellaróns de Riós (comarca de Verín); Madamas de Esgos (comarca de Ourense); Panfarrón de Campobecerros, concello de Castrelo do Val (comarca de Verín); Madamas e Madamitos de Entrimo (Baixa Limia); Bonitas de Sande de Cartelle (na comarca de Terra de Celanova); Danzantes de Maceda (na comarca de Allariz-Maceda); Madamas e Galáns de Carzoa en Cualedro (comarca de Verín); Troiteiros de Bande (comarca da Baixa Limia); Galos da Mezquita (comarca de Viana); Bergalleiros de Sarreaus (comarca da Limia); Follalateiro de Lobios (comarca da Baixa Limia); Máscaras de Samede, en Paderne (As Mariñas); os Felos de Maceda, diferentes dos das terras de Maside e do Carballiño (comarca de Allariz-Maceda); os Xenerais da Ulla (comarca de Compostela, Arzúa, Deza e Terra de Montes); os Volantes ribeiraos do Miño en Chantada; Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón (Terra de Lemos); Madamas e Galáns de Cobres, no concello de Vilaboa (comarca de Pontevedra); Merdeiros de Vigo; ou Sabas de Viveiro (comarca da Mariña).