A guía definitiva para gozar das ostras de maneira segura

Ostra de Arcade (Imaxe: Nós Diario)

A ostra é toda unha delicia, mais pode caer mal no estómago se non se adoptan unhas precaucións mínimas. Esta fin de semana tes a ocasión para gozar deste molusco. A partir deste venres, 3 de abril, decorre no peirao de Arcade (Soutomaior) a XXXVIII Festa da Ostra. Aquí tes unha guía práctica para saborear a raíña da ría de Vigo ao natural, en cru.

  1. Asegúrate de que estean frescas. As ostras deben ulir a mar e nunca cheirar a peixe forte nin a podre. Se espremes limón sobre elas, poderás observar como se contrae lixeiramente a glándula máis externa da ostra.
  2. Consérvaas en perfecto estado. Non as gardes en auga doce nin as teñas pechadas hermeticamente. Consérvaas en frío, mellor entre 0 e 5ºC.
  3. Cómeas en lugares de confianza, como restaurantes e mariscarías e na propia Festa da Ostra, en cuxas casetas abren ostras constantemente garantindo a súa conservación en frío.
  4. Non abuses da cantidade. Se non estás afeita ou afeito a comer ostras, come unhas poucas e observa como che sentan.
  5. Mastígaas. Non as tragues directamente, saboréaas na boca e mastígaas para facilitar a dixestión e dar tempo ás papilas degustativas a detectar algunha ostra en mal estado.

Se tes o estómago delicado, podes desfrutar das ostras cociñadas: á grella, ao vapor, gratinadas... Desta maneira, redúcese o risco de infeccións causadas pola bacteria Vibrio vulnificus, que pode provocar náuseas, vómitos ou diarrea.

Na Festa da Ostra, podes gozalas ao natural ou cociñadas, a un prezo popular de 12 euros a ducia –nos restaurantes da vila, ofrécense a entre 16-17 euros a ducia–. Tamén poderás desfrutar do albariño de Soutomaior -unha das cinco subzonas da DO Rías Baixas- a un prezo de 13 euros a botella, incluídos o multipremiado Noelia Bebelia, María Vinyals e Pedro Madruga.

Como as abro?

Se queres gozar das ostras na casa, podes compralas na túa peixaría de confianza. Eis as recomendacións para abrilas:

  1. Pon unha luva grosa para suxeitar a ostra, pois así evitas cortes se che esvara o coitelo.
  2. Coloca a parte curva da ostra sobre a palma da túa man, de maneira que a parte plana quede cara arriba. O extremo duro da ostra (a bisagra) debe quedar contra os dedos e a parte máis fina cara ao teu corpo.
  3. Colle un coitelo especial para abrir ostras, curto e resistente. Pincha o coitelo nun dos extremos da parte plana da ostra (do lado contrario á bisagra, que é a parte máis dura). Unha vez pinchado o coitelo, introdúceo levemente e realiza un pequeno xiro até que a cuncha ceda. Non é cuestión de forza, senón de técnica e práctica!
  4. Desliza o coitelo pola parte superior para cortar o músculo, retira a tapa.
  5. Xa tes a ostra lista para desfrutala.

Ollo! Se antes de abrila, a cuncha emana un cheiro forte ou desagradábel, desbótaa. Se a ostra non está fechada de todo, desbótaa tamén.

Unha boa ostra cheira a mar fresco; ten auga dentro e o seu aspecto é brillante e húmido. Ademais, as ostras, baixas en calorías, contribúen a mellorar o sistema inmunolóxico e a fortalecer os ósos, grazas aos ácidos grasos omega-3, ao calcio, ao ferro, ao zinc, ao fósforo e ao selenio.

Atoparei unha perla?

Non vai pasar tal. Só o 1% das perlas son naturais, é dicir, son esferas de nácar que a ostra crea para se defender dun parasito no interior, nun proceso que pode durar anos e durante o cal a esfera vai adquirindo formas imprevisíbeis.

As mans de Tito e do seu fillo Alfonso, quen levan toda a vida dedicada ás ostras, protagonizan o cartaz da edición da Festa da Ostra de 2026, cunha fotografía da autoría de Breikus. Entre os milleiros de ostras que abriu Tito na súa vida nunca achou unha perla, mais o ostricultor máis célebre de Arcade relata que vendeu a un restaurante unha ostra que contiña unha perla dentro. A anécdota evidencia a dificultade de atopar a pedra preciosa no interior do molusco.

Cartaz da festa da ostra