ECOLOXÍA

Greenpeace alerta da destrución do 20 por cento da primeira liña de costa galega

Sanxenxo

A organización ecoloxista di que Sanxenxo é o municipio máis afectado polo cemento nos primeiros 500 metros de litoral e pide que os concellos se declaren “insubmisos coa nova Lei de Costas.

Greenpeace vén de presentar o seu informe 'Destrución a toda Costa 2013' no que se analiza os danos urbanísticos de todos os concellos de Galiza no primeiros 500 metros de litoral, dentro dun traballo que inclúe a todo o Estado, en cuxa lista negra dos 25 municipios máis afectados aparece Sanxenxo, que a organización ecoloxista define como “o máis destruído” do país nese sentido.

“A costa do concello de Sanxenxo ten unha gran presión urbanística sobre unha parte do litoral, que se traduciu na invasión do dominio público marítimo-terrestre. Neste municipio realizáronse varios deslindes, que ao non rematarse nun tempo razoable permitiron que os límites da zona de servidume de protección non estivesen claros, propiciando un gran desorde urbanístico”, afirma Greenpeace sobre a vila onde posúe en primeira liña de praia un apartamento o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. Precisamente, ao PP acusa a prestixiosa ONG: “Construtoras como Construcuatro, do deputado e ex alcalde Telmo Martín foron multadas por invadir a praia”.

Segundo Greenpeace, “Galiza xa destruíu unha quinta parte dos primeiros 500 metros de costa”. “Os datos do noso informe amosan un litoral inundado de ladrillo e serven para reflexionar sobre o que sucedeu e decidir que tipo de xestión do litoral queremos no futuro”, engade María José Caballero, directora de campañas da organización.

@s ecoloxistas afirman no seu informe que Cangas do Morrazo, Rianxo, Fisterra, Muros e Ferrol son “os concellos que máis rápido destruíron o seu patrimonio natural durante os anos da burbulla inmobiliaria”. No apartado positivo, sinala que 33 municipios galegos apenas teñen urbanizado un 3 por cento dos seus primeiros 500 metros de costa.

De cara ao futuro, Greenpeace solicita que os concellos “se declaren insubmisos ante a nova Lei de Costas” e tamén unha “fiscalidade verde para os mellor conservados”.