Universidade

Abau 2022: estes son os 84 graos da USC, a UDC e a UVigo que xa fecharon a matriculación

Exame da ABAU na Facultade de Psicoloxía de Santiago. (Foto: Arxina)
Case a metade das titulacións ofertadas no país completaron xa as prazas dispoñíbeis e a CiUG abre agora o segundo prazo de convocatoria para os graos e dobres graos que aínda admiten estudantes.
  1. UVigo
  2. USC
  3. UDC
  4. Notas de corte máis elevadas
  5. Segunda quenda de matriculación

Un total de 84 graos dos 183 ofertados nas tres universidades do país —45,9% deles— xa non admiten máis estudantes, logo de que esta sexta feira fechasen a matriculación outras once titulacións.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) realizou esta sexta a segunda chamada para inscribirse nos graos das universidades galegas. Na pasada quinta feira, día 14, publicouse a primeira e xa fecharan 73 carreiras, unha medida nova este ano que buscaba "axilizar" os procesos de inscrición. Así, de acordo coa listaxe facilitada agora pola CiUG, co segundo chamamento xa son 84 os graos que fecharon o proceso de matrícula.

UVigo

No caso da Universidade de Vigo (UVigo), no propio campus da cidade olívica xa non admiten máis alumnos e alumnas en Enxeñaría en Organización Industrial, Dereito, Enxeñaría Mecánica, Tradución e Interpretación Español-Inglés, Tradución e Interpretación Español-Francés, Enxeñaría Biomédica, e as dobres titulacións ADE-Dereito, Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Mecánica, e en Enxeñaría Mecánica-Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

No campus de Ourense, están xa fechadas Dereito, Educación Primaria, Xeografía e Historia, Enxeñaría Aeroespacial, Relacións Internacionais, e as dobres titulacións ADE-Dereito e ADE-Enxeñaría Informática.

E no campus de Pontevedra, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dirección e Xestión Pública na modalidade virtual —a presencial segue aberta— e Publicidade e Relacións Públicas.

USC

Dentro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na capital galega xa fecharon ADE, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Filosofía, Física Historia, Historia da arte, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Inglesas, Matemáticas, Medicina, Educación Infantil, Educación Primaria, Odontoloxía, Psicoloxía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xornalismo, Biotecnoloxía, Criminoloxía e os dobres graos Comunicación Audiovisual-Xornalismo, Dereito-Relacións Laborais, Enxeñaría Informática-Matemáticas, Matemáticas-Física, Química-Física, Farmacia-Óptica e Educación Infantil-Primaria.

Nas instalacións de Lugo, non admiten máis inscricións Educación Infantil, Educación Primaria, Robótica e os dobres graos Enxeñaría Agrícola-Enxeñaría Forestal e Educación Infantil-Primaria.

UDC

Na Universidade da Coruña (UDC), na cidade herculina están fechadas ADE, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo, Arquitectura Técnica, Estudos de Arquitectura, Fisioterapia, Turismo en modalidade presencial —na virtual segue aberta—, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Intelixencia Artificial, o grao aberto Ciencias Sociais e Xurídicas, e as dobres titulacións Bioloxía-Química, Turismo-Ciencias Empresariais, ADE-Dereito, Tradución Español-Galego e Portugués e máis Inglés-Español.

A respecto do campus de Ferrol, xa fecharon Deseño Industrial, Enxeñaría Mecánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o grao aberto en Enxeñaría Industrial e o dobre grao Enxeñaría Mecánica-Enxeñaría Naval e Oceánica.

Notas de corte máis elevadas

Xa na primeira chamada fecharan coas notas de corte máis alta, por riba de 13 sobre 14 puntos, o dobre grao en Matemáticas e Física (13,645), o dobre grao en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,520), e Medicina (13,050), todas elas pola USC.

Entre as carreiras xa fechadas con notas de corte altas tamén se situaran a dobre titulación en Comunicación Audiovisual e Xornalismo na USC (12,942), o dobre grao en Educación Infantil e Primaria na USC (12,692), o grao en Relacións Internacionais (12,500) pola UVigo, e Enxeñaría Aeroespacial (12,416), tamén pola universidade olívica.

Segunda quenda de matriculación

Por outra parte, as persoas aspirantes que foron chamadas nesta segunda convocatoria poderán matricularse a través da plataforma 'NERTA' a partir deste sábado 23 ás 00.01 horas e até a cuarta feira, día 27, ás 23.59.

A CiUG lembra que "unicamente se poderán matricular aquelas persoas que posúan cualificación igual ou superior á da última persona convocada en cada titulación", para o que teñen que ter en conta a listaxe de notas de corte publicada esta sexta feira.