VÍDEO | Goteiras e desperfectos no centro de saúde da Gudiña: "Levamos así moito tempo e nunca fan caso"

This browser does not support the video element.

Persoal médico denuncia a situación a 'Nós Diario' e opta por atender unicamente as urxencias mentres non se arranxen as múltiples deficiencias.

Goteiras, que non 'goteiros', reciben as persoas doentes no centro de saúde da Gudiña. Os cubos e os xornais espallados polo chan antóllanse insuficientes para deter a caída de auga nun ambulatorio, como se pode apreciar nos vídeos aos que accedeu Nós Diario, xa de por si deteriorado.

O estado que presenta hoxe o recinto, porén, non resulta unha novidade para o persoal médico: "Levamos xa bastante tempo con esta situación. Demos moitos avisos pero nunca nos fixeron caso", sinala a este xornal unha traballadora do centro de saúde.

Unha vez visto o "apaño" feito fronte ás goteiras e comprobado que a auga segue pingando, o persoal decidiu esta cuarta feira presentar unha reclamación formal e recorrer aos medios de comunicación, dado que, malia a súa insistencia, afirma a mesma fonte, seguen sen ser atendidas as súas demandas.

A auga, con todo, non é o único problema que presenta este centro de saúde, pois, á vista está das imaxes publicadas, as paredes están fortemente crebadas e presentan múltiples fendas, alén de importantes buracos no teito desde os que se filtra a auga.

Tamén a sala de espera, inzada de vellos xornais, semella ficar nun estado impracticábel. Diante desta situación, o persoal médico avogou por atender unicamente as urxencias para "non arriscar" a saúde e integridade, tanto das e dos pacientes como a súa propia, até que a Administración non resolva estas graves deficiencias.

Outra fonte deste emprazamento sanitario explica a Nós Diario que na mañá desta quinta feira "están tentando facer algún arranxo porque se derramou a auga e está a caer moita".

O centro de saúde de Vedra "cae a cachos"

Mais o da Gudiña non é o primeiro caso destas características que denuncian as e os profesionais da sanidade pública galega. Este xornal fíxose eco o pasado 11 de novembro das denuncias en relación co deteriorado estado do ambulatorio de Vedra, nunha "situación límite".

"Literalmente está caendo a cachos", alertaron desde CCOO. As humidades, precisaron, están a afectar considerabelmente a estrutura, derivando mesmo en "desprendementos de cornixas". Porén, os problemas "van máis aló": "Apagóns por curtocircuítos, fugas de auga que obrigan a cubrir os baños con toallas ou a falta de accesos para persoas con mobilidade reducida", denunciaron, citando algunhas das principais problemáticas.