O Goberno estatal eliminará as carreiras universitarias de tres anos

Estudantes da UVigo, realizando un exame presencial este mes de xaneiro (Foto: Universidade de Vigo).

O Ministerio de Universidades prepara unha reforma para acabar cos graos de tres anos que implantara o Goberno do PP en 2015.

O Goberno español eliminará as carreiras universitarias de tres anos. O Ministerio de Universidades prepara unha reforma para acabar cos graos de tres anos que autorizou en 2015 o  exministro José Ignacio  Wert complementados cun mestrado de dous anos, o polémico 3+2.

No borrador dun novo "decreto de Ordenación dos Ensinos Oficiais no Sistema Universitario Español", o Goberno estatal establece que "os plans de estudos conducentes á obtención dun título de Grao terán, como regra xeral, 240 créditos  ECTS, salvo aqueles que habilitando para o exercicio de actividades profesionais reguladas estean suxeitos polas directivas comunitarias a ter 300 ou 360 créditos", é dicir, carreiras sanitarias ou  enxeñerías. Os mestrados poderán durar ata dous anos.

O novo texto, adiantado polo xornal El País, permite ás universidades que imparten estas titulacións máis curtas continuar con elas ata que teñan que solicitar a revisión da súa acreditación ou de forma excepcional durante o próximos catro anos pedir a adaptación do grao.

Desde o principio, o 3+2 provocou o rexeitamento de estudantes, docentes e mesmo reitores, que acordaron unha moratoria de tres anos para a súa implantación e mesmo que só puidese aplicarse a graos de nova creación.