O goberno español exixe nos xulgados á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás

A Avogacía do Estado presentou unha demanda nos xulgados da Coruña por venda “fraudulenta” da propiedade ao ditador. A Comisión Recuperación Memoria Histórica da Coruña aplaude a iniciativa.

A Avogacía do Estado presentou nos Xulgados da Coruña unha demanda para exixir á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás á titularidade pública. Segundo informa El País, os sucesores de Emilia Pazo Bazán venderon este inmoble dúas veces, o que fai que unha das transaccións non pode ser auténtica. Un documento de 1938, asinado ante notario no despacho do gobernador civil daquela, confirmaría para o goberno español que o contrato de venda de Meirás a Franco tres anos despois foi “fraudulento” porque xa era residencia do xefe do Estado, ou sexa, del.

Ou sexa, cando se procedeu a esa venda oficial de Meirás a Franco este levaba tres anos sendo usado polo ditador e había diferentes obras de mellora e reparación nel.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) expresa a través dun comunicado a súa alegría por esta decisión e parabeniza “no que toca ao seu traballo feito a prol da devolución do Pazo de Meirás a titularidade pública, xa que esta demanda posta polo Estado á familia Franco ratifica que o traballo feito fíxose correctamente”. Tanto o informe xurídico-histórico feito polas expertas para a Deputación da Coruña, como o outro informe feita a instancias do Parlamento da Galiza, indican, “desmonta a teoría da familia Franco de que o Pazo foi unha doazón do pobo galego ao seu antepasado ditador, e a denuncia da Avogacía do Estado así o avala”.