O Goberno español concede a residencia aos dous senegaleses que socorreron Samuel

Unha persoa no espazo no que foi asasinato Samuel. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A lei permite acelerar estes procedementos administrativos "por circunstancias excepcionais a persoas en situación administrativa irregular".

O Goberno do Estado español, que hai uns días estudaba a posibilidade de conceder a residencia en España aos dous homes orixinarios de Senegal que intentaron socorrer Samuel Luiz despois da malleira mortal, comunicou que finalmente a situación destas dúas persoas estará regularizada.

Desde o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións confirmaron a Europa Press que vén de outorgar quer a residencia, quer o permiso de traballo aos dous senegaleses que actuaron na madrugada do pasado 3 de xullo para intentar salvar Samuel Luiz, que foi asasinado na Coruña por un grupo de persoas.

Foron as amizades da vítima as que revelaron a súa existencia ao buscalos para agradecerlles que intentaran parar a malleira mortal -cuxa autoría e móbil seguen a ser investigados malia que varios presuntos culpábeis están detidos- e sóubose de que a súa situación administrativa na Galiza era irregular.

Agora fontes de Migracións aclaran que optaron por esta vía de actuación porque o regulamento recolle disposicións que permiten conceder as autorizacións "por circunstancias excepcionais a persoas en situación administrativa irregular".

O secretario de Estado de Migracións, Jesús Javier Perea, xa anunciara hai unha semana a intención de resolver a burocracia "nun prazo moi breve".

"Queremos destacar que en situacións deste tipo nas que se producen comportamentos de humanidade evidentes e de compromiso cívico que van máis aló, case poñendo o perigo a vida propia, é un acto de xustiza recoñecer que estas persoas tiveron un comportamento humano digno de ser recoñecido con algo tan sinxelo como é a documentación da súa situación administrativa que lles permita traballar en España", apuntou Perea en declaracións a un programa radiofónico.

Á marxe desta nova, as investigacións ao respecto do crime, das e dos posíbeis culpábeis e da motivación continúan abertas.