Sentenza do Xulgado do Mercantil 1 da Coruña

Gas Natural non poderá emitir facturas do consumo xerado un ano atrás

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña vén de prohibirlle a Gas Natural a emisión de facturas de consumo cunha demora superior a un ano. No fallo, o xuíz advirte de que facturar consumos xerados un ano atrás é unha práctica “abusiva e, por tanto, ilícita”.

O TSXG vén de facer pública unha sentenza contundente do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña contra Gas Natural Fenosa. O xulgado estimou a demanda interposta pola Fiscalía e o xuíz prohíbelle á empresa facturar consumos xerados un ano atrás. O xuíz considera a conduta “abusiva e, por tanto ilícita”.

Aliás, a sentenza sinala que tamén é “abusiva e ilícita” a interrupción do subministro e a inscrición do cliente nun ficheiro de solvencia patrimonial nos casos en que non sexan aboadas as facturas emitidas nesas circunstancias.

Desta maneira, o fallo, que non é firme e contra o que cabe recurso perante a Audiencia Provincial da Coruña, prohíbelle á compañía eléctrica emitir no futuro facturas de consumo de enerxía cunha demora superior a un ano, así como a interrupción do subministro ou a inclusión da clientela nos citados ficheiros.

O xuíz vai alén e acorda que o fallo se lle comunique ao Ministerio de Industria “por se procede imporlle á empresa demandada sancións de carácter administrativo, de conformidade co estabelecido na Lei 24/2013 do sector eléctrico”.