Denúnciao a CIG

Garda Civil entra nun instituto de Xove por uns cartaces do 8-M

CIG-Ensino de Lugo considera “grave” os feitos e acusa a engade que esa presenza produciuse pouco despois de que a Xefatura territorial de Educación pedise explicacións sobre os carteis.

Un axente da Garda Civil fai acto de presenza no instituto Illa de Sarón de Xove preguntando por uns cartaces sobre o 8-M dirixidos ao alumnado. “Non aduce nin achega xustificación, autorización, orde ou motivo” da súa presenza alí, denuncian desde a CIG-Ensino, que indica que o garda procedeu a realizar fotografías cun teléfono móbil dos cataces.

CIG, sindicato maioritario no ensino público, indica que este feito tivo lugar pouco tempo despois de recibirse unha chamada neste centro educativo da Xefatura Territorial de Ensino, “pedindo explicacións” pola difusión de cartaces informativos sobre o 8-M e “demandando a retirada dos mesmos dos taboleiros das aulas”. Como argumento, sempre segundo a versión do sindicato, que se estaba a incumprir o protocolo Covid.

Para a CIG este actuar da Xefatura é “reprobábel, arbitrario e improcedente”, engadindo que considera “especialmente grave” o sucedido coa presenza dun garda civil. “Retrotráenos a períodos tenebrosos da nosa historia”, manifesta.

CIG-Ensino anuncia que pedirá información sobre o sucedido á Subdelegación do Goberno para saber se o proceder do axente responde a unha iniciativa propia ou a unha orde.