Galiza volve superar os 300 casos activos de coronavirus, con 28 positivos máis

Test rápido de coronavirus.
Os casos activos de coronavirus incrementáronse en 28 este sábado na Galiza, que volve superar os 300, dos que máis dun terzo corresponden á área sanitaria da Coruña.

O Sergas informa no seu último parte dun total de 308 casos activos, fronte aos 280 da pasada sexta feira, na que é xa a novena xornada consecutiva de suba, con 45 novos contaxios e 17 altas epidemiolóxicas rexistradas nas últimas horas.

A área sanitaria na que se volve a producir un maior aumento é a da Coruña, onde hai 20 casos activos máis e o total pasa de 87 a 107, e na que se rexistra un foco, relacionado cun ximnasio de Arteixo, que suma 25 positivos, de acordo cos datos facilitados onte pola Consellería de Sanidade.

Soben tamén as cifras en Vigo, que suma outros oito, ao pasar de 48 a 56; en Compostela, onde se elevan de 23 a 26; en Ourense, que crece até os 17 casos −dous máis−, e en Pontevedra, que rexistra un caso activo máis que hai un día e acumula 26. Na área de Ferrol os casos seguen en dous, os mesmos que onte, mentres que a área de Lugo rexistra o único descenso, con seis casos activos menos, de 80 a 74.

Tamén as hospitalizacións experimentan hoxe un ascenso, e suman 13, cun novo caso nas últimas horas. Ademais, unha persoa segue na UCI, mentres que 294 permanecen no domicilio, 27 máis que na xornada previa.

Até este sábado, Galiza rexistra un total de 11.289 curacións −17 máis que no parte anterior− e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores, unha cifra que permanece sen variación desde o 10 de xuño.  

Medra o foco de Arteixo 

 

Os casos que deron positivo por COVID-19 vinculados ao surto do ximnasio de Meicende, no municipio coruñés de Arteixo, subiron  este sábado a 31, seis máis que na xornada anterior, informou o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O seguimento dos contactos que se está levando a cabo a área sanitaria da Coruña e Cee en relación a este foco e as súas ramificacións noutras zonas da área sanitaria levou a realizar máis de 500 PCR na xornada de onte.  Diante  da "posibilidade de novos contaxios", a Consellaría de Sanidade segue coas tarefas para localizar contactos e tratar de evitar novas infeccións. 

Novos casos en Vilar de Barrio e Baños de Molgas

O surto de coronavirus detectado no municipio de Vilar de Barrio, e que obrigou a hospitalizar un matrimonio de nonaxenarios, suma dous novos positivos e alcanza os nove casos, mentres que o localizado en Baños de Molgas mantense en tres casos.

Das case 150 PCR realizadas na área sanitaria de Ourense durante a última xornada só se detectáron estes dous positivos novos, segundo indican no Sergas.