Galiza vacinará as persoas maiores de 70 coa dose de reforzo a partir do 25 de outono

Unha persoa recibe unha vacina nas instalacións habilitadas en Compostela. (Foto: Europa Press)
Serán citadas pasados os seis meses desde a pauta completa.

Galiza vacinará as persoas maiores de 70 anos coa terceira dose do fármaco contra a Covid a partir do 25 de outubro. Confirmouno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras o acordo alcanzado na comisión de saúde pública desta terza feira. Malia votar en contra, debido ás "dúbidas" expresadas na xuntanza sobre como levar a cabo a administración destas doses de reforzo, a piques de se iniciar a campaña contra a gripe, Sanidade aclarou que "non se opón" á terceira picada. O único que pedía era tempo para estudar o encaixe da campaña desta nova rolda de vacinación contra o coronavirus coa campaña da gripe, algo no que traballa o Sergas "intensamente", confirmou o conselleiro.

Segundo declarou esta cuarta feira, a idea do Goberno galego é recoller "o mellor" de cada unha das dúas campañas de vacinación e tratar de facelas coincidir nos maiores de 80 anos, que serían os primeiros en recibir a dose de reforzo, vaian facendo os seis meses desde a pauta completa.

A campaña da gripe na Galiza comezará contra o día 15 de outubro, e conforme avanzou García Comesaña, o persoal sanitario recibirá as doses de ambas as campañas de forma diferenciada. As vacinas do coronavirus e da gripe "van ir por separado", aseverou, dado que a da gripe iniciarase antes.

Sen inconvenientes

O conselleiro de Sanidade apuntou que "en principio non hai ningún impedimento" médico para facer coincidir as dúas vacinas no mesmo día, pero sinalou que o Sergas está a recompilar todos os datos.

A terceira dose será, en principio, de  Pfizer -que é a que conta con autorización-, mais están á espera dos resultados de Moderna. Así, confirmou que o que está previsto é que a vacina de reforzo sexa de ARNm.

Neste escenario, Comesaña lembrou que Galiza "aposta, e xa o demostrou", pola vacinación de reforzo tras dar cobertura ás persoas inmonudeprimidas e a todos os residentes en centros de maiores "en pouco máis dunha semana e media", recalcou.

Campañas simultáneas

"Non vai ser menos neste sentido", ratificou antes de afirmar  que a proposta da Galiza é facer coincidir a campaña de reforzo coa da gripe. Neste sentido, volveu incidir no tempo, necesario para "acomodar a estratexia da gripe, que empeza estes días, coa incorporación da terceira dose". Mais, "non hai ningún problema en vacinar", incidiu.