Galiza tivo unha primavera moi cálida e húmida, cunha temperatura media de 13,3 graos
A primavera climatolóxica de 2025, correspondente con marzo, abril e maio, caracterizouse na Galiza por ser moi cálida e húmida en canto a precipitacións, segundo o informe de Meteogaliza.
Segundo informou a Xunta da Galiza, este período foi moi cálido cunha temperatura media de 13,3 graos e unha anomalía media dun grao superior ao habitual no período de referencia 1981-2010, segundo os datos das 11 estacións meteorolóxicas máis representativas.
Esta situación débese ás elevadas temperaturas máximas e mínimas medias rexistradas en abril e maio, que foron meses moi cálidos. Marzo foi un mes lixeiramente frío cunha temperatura media de 10,6 graos, o que supón tres décimas inferior ao normal neste período, abril e maio foron moi cálidos cunha media de 13,9 graos (dous graos superior ao habitual) e 15,5 graos (1,1 graos máis dos normal), respectivamente.
Precipitacións
No que se refire ás choivas, Galiza tivo unha primavera húmida cunha precipitación media acumulada entre as 16 estacións máis representativas de 376 litros por metro cadrado, o que representa 26% máis que o habitual no período de referencia 1981-2010.
Os valores estiveron moi por encima do esperado polas choivas rexistradas no mes de abril, que foi moi húmido ao rexistrar precipitacións moi intensas ou persistentes nalgúns días concretos.
Ese mes o valor medio da precipitación foi de 183 litros por metro cadrado, 64% superior ao habitual. No caso de marzo e maio foron meses normais no que se refire ás precipitacións con 98 litros por metro cadrado e 95 litros por metro cadrado, respectivamente.