Galiza supera o 42% da poboación coa vacinación contra a Covid-19 completa

Vacinación no hospital de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As autoridades sanitarias afirman que a día de hoxe xa hai máis dun millón de galegas e galegos que completaron o tratamento de inmunidade cos distintos fármacos que se distribúen no Estado español.

Un millón de habitantes da Galiza xa foron inmunizadas coas dúas ou unha dose (segundo a pauta estabelecida para cada fármaco) da vacina contra a Covid-19, o que implica que se chegou ao 42% da poboación diana. A cifra acadouse esta segunda feira, pois o domingo rematou con 987.549 persoas inoculadas co remedio completo.

Os datos, fornecidos pola Consellaría de Sanidade, indican que durante esta segunda feira o persoal sanitario distribuído por diversos puntos de vacinación chegará a 1.011.013 cidadáns.

Ao millón chegouse na área sanitaria de Lugo, concretaron as autoridades sanitarias. Así, neste momento estímase que máis do 42% da poboación diana xa rematou o proceso para ser máis resistente ao virus.

Máis de 2,4 viais

As mesmas fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña comentaron que até esta data o país xa administrou máis de 2,4 millóns de doses das 2,5 que se recibiron.

Neste reparto hai que contar tanto ás persoas inoculadas ao completo como a aquelas que levan polo menos unha dose, que o Goberno galego cifra en “máis de 1,2 millóns de habitantes maiores de 50 anos”.

Aliás, hai que ter en conta que a maioría das medicinas creadas para facerlle fronte á pandemia se administran en dúas veces, pero tamén hai casos de persoas que recibiron un fármaco de monodose.

A campaña atópase agora centrada no grupo de poboación comprendido entre os 40 e os 49 anos -o máis numeroso no país- do que foron tratadas máis de 247.990 persoas. Tamén se traballa na localización de persoas máis maiores que perderon a súa quenda por distintos motivos.