Galiza supera os 3.000 casos activos de Covid-19: 3.231

(Foto: Eduardo Parra)
Permanecen 58 pacientes ingresados por este coronavirus e a taxa de positividade mantense nun 5,8%

Galiza acada os 3.231 casos activos de Covid-19, que supoñen máis de 1.390 máis que hai unha semana, após se disparar os novos contaxios a 412, que implican 45 máis que o día pasado; mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus mantéñense en 58 -nove deles en UCI- e a taxa de positividade segue nun 5,8%.

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, recollidos por Europa Press, descenden a 9 as persoas ingresadas na UCI pola Covid -tres menos- e soben a 49 as que permanecen noutras unidades -tres máis-. Pola súa banda, 3.173 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas da Coruña e Cee, Pontevedra e O Salnés e Santiago e Barbanza; mentres que aumenta nas de Vigo, Ourense, Ferrol e Lugo.

O último falecemento notificado corresponde a unha muller de 38 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac). É a quinta vítima da pandemia en Galiza que ten menos de 40 anos

En canto aos casos activos de Covid-19 superan a barreira dos 3.000 para situarse en 3.231, cando hai unha semana atopábanse en 1.837, o que implica un aumento de 1.394 en sete días, o que supón un novo ascenso por décimo quinta xornada consecutiva. Por tanto, hai 314 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (412) que altas (97), ao que se suma unha nova vítima mortal.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan de novo nas sete: Ourense (+84), Vigo (+64), A Coruña e Cee (+40); Lugo (+38), Santiago e Barbanza (+38), Pontevedra e O Salnés (+35) e Ferrol (+15).

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 disparáronse por riba dos 400 até os 412, que representan 45 máis que os 367 da xornada pasada e 154 máis que fai sete días, tras arrincar esta semana con 244. Por tanto, continúa a tendencia iniciada o 24 de xuño, cos contaxios por riba do centenar.

En toda Galiza foron confirmados 410 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 44 máis que a xornada pasada, dos cales 91 corresponden á área de Ourense; 85, á da Coruña e Cee; 77, á de Vigo; 49, á de Pontevedra e O Salnés; 47, á de Lugo; 45, á de Santiago e Barbanza; e 16, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR en Galiza mantense nun 5,82% após ser na xornada anterior de 5,86%, após iniciar a semana nun 3,6%. Por iso, segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galiza non superaba desde o 15 de febreiro (fíxoo nos datos do 1 de xullo, mais a taxa foi recalculada posteriormente).

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.439, despois de notificar Sanidade esta cuarta feira unha nova vítima mortal. O último falecemento notificado corresponde a unha muller de 38 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac). É a quinta vítima da pandemia en Galiza que ten menos de 40 anos e, segundo a información facilitada por Sanidade, presentaba patoloxías previas.