Galiza supera os 2,72 millóns de habitantes e suma poboación no primeiro semestre de 2025
O crecemento demográfico concéntrase en 29 comarcas, con Ferrol á cabeza en cifras absolutas e A Ulloa como a que máis medra en termos relativos, segundo datos do IGE.
Galiza alcanzou no 1 de xullo de 2025 unha poboación de 2.720.738 habitantes, segundo os datos provisionais, o que supón 5.997 persoas máis que a comezos de ano, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este incremento representa un crecemento do 0,22% no primeiro semestre, aínda que con importantes diferenzas territoriais.
A nivel comarcal, máis da metade da Galiza experimentou un aumento de poboación: 29 comarcas gañaron habitantes fronte ás 22 que rexistraron perdas. A comarca que máis medrou en termos absolutos foi a de Ferrol, que sumou 2.228 persoas no primeiro semestre de 2025, consolidándose como o principal foco de crecemento demográfico neste período. En termos relativos, o maior incremento correspondeu á comarca da Ulloa, que aumentou a súa poboación nun 2,42% en só seis meses.
No ámbito urbano, Santiago de Compostela e Lugo superaron o limiar dos 100.000 habitantes no 1 de xaneiro de 2025 e mantéñense por riba desa cifra no 1 de xullo.
Neste sentido, o IGE revela que seis das sete grandes cidades gañaron poboación no primeiro semestre do exercicio previo, destacando o caso de Ferrol, con 2.005 persoas máis, un 3,09% (66.908), mentres que Santiago de Compostela gañou 1.013 habitantes, un 1% máis (101.855).
Así mesmo, A Coruña sumou 890 cidadáns, un 0,35% máis (252.167); mentres que Lugo incrementou a súa poboación un 0,45%, con 449 persoas máis (100.520); e Ourense en 691 persoas, un 0,65% máis (106.300), e Vigo en 895 persoas, un 0,3% máis (296.630). Só Pontevedra perdeu 75 habitantes, un 0,09% menos (83.264).